Unha parella de anciáns da Coruña vive limitada polas escaleiras que rodean a súa casa
Ela ten 89 anos, padece alzhéimer, case non camiña e desprázana en cadeira de rodas
El, con 92 anos, non a pode sacar da casa sen axuda
Emilio e María viven sós. Ela ten 89 anos, padece alzhéimer, case non camiña e desprázana en cadeira de rodas.
"A miña muller desde que se xubilou, que era funcionaria do Estado, aos dous anos xa lle veu o Alzheimer", conta Emilio.
Emilio salvou as barreiras de dentro da casa con ramplas móbiles e algúns cambios.
"Tiven que facerlle unha habitación abaixo e un aseo novo porque arriba xa non podía subir", detalla.
Pero para sacala da casa a situación complícase. A parella reside no barrio das Flores da Coruña e, tiren para onde tiren, ao saír da vivenda encóntranse con escaleiras.
"Entre dúas persoas, vai baixando as escaleiras pasiño a pasiño e ao chegar abaixo sentámola na cadeira de rodas", explica.
Emilio fai esta manobra, para levar a María ao centro de día de luns a venres, coa axuda da profesional que asiste a muller unhas horas a domilicio. Festivos, sábados e domingos, porén, vense obrigados a quedar na casa. Emilio está só con María e ten prohibido coller pesos, aínda que admite que máis dunha vez non lle queda outro remedio.
"Estou operado do corazón e do fígado. Teño un tumor e debo ir facer sesións cada quince días ao CHUAC".
Emilio afirma que leva dous anos pedindo unha solución ás escaleiras da rúa que lles dificultan a vida.
"Pedín que puxesen ramplas novas ou que modificaran as antigas. As antigas están moi empinadas. Se se me vai a cadeira de rodas chega á estrada".
Conta que pensou incluso en afrontar el a obra se llelo permitisen.