Publicador de contidos

Publicador de contidos

A Xunta valora que máis de 110.000 hectáreas foron arrasadas polo lume en 2025

A Xunta valora que máis de 110.000 hectáreas foron arrasadas polo lume en 2025

Só na provincia de Ourense arderon 106.000 hectáreas, o 14,6% da súa extensión

Quedou extinguido o incendio máis grande da historia de Galicia, o de Larouco-Seadur

Incendio de Larouco
G24.gal 31/08/2025 20:14 Última actualización 31/08/2025 21:15

Os últimos datos ofrecidos pola Consellería do Medio Rural estiman que a superficie queimada roza as 111.000 hectáreas, das que case todas, algo máis de 110.000, corresponden aos lumes de agosto e máis de 106.000, aos que sufriu a provincia de Ourense. Nesta provincia este ano calcinouse aproximadamente o 14,6% da súa extensión. 

O total calcinado equivale a máis de 157.000 campos de fútbol, dez veces a cidade de Vigo ou o dobre do que ocupan as catro capitais de provincia galegas xuntas: A Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra.

Só en agosto rexistráronse máis de 660 focos, segundo o Goberno autonómico, en 62 concellos, con 400 persoas evacuadas e 2.000 confinamentos. Afectáronlles a 144 vivendas, 8 delas habituais, e a media ducia de explotacións gandeiras, ademais de levar por diante o patrimonio natural protexido de lugares como Pena Trevinca, os parques naturais do Invernadeiro e de Enciña da Lastra e o bosque Ridimoas.

Ata o de agora, o peor precedente este século remontábase a 2006, cando, segundo os datos da Estatística Xeral de Incendios Forestais (EGIF), arderon en Galicia por incendios forestais 95.947 hectáreas.

Extinguido o lume máis grande da historia do país

Este domingo quedou extinguido o incendio de Larouco-Seadur, que comezou o mércores 13 de agosto e quedou controlado dúas semanas despois, o día 27 pola noite. Segundo as estimacións da Xunta, afectou a unha superficie de máis de 31.778,18 hectáreas -19.630,18 de monte baixo e 12.148 de arboredo- nos concellos de Larouco, O Barco de Valdeorras, O Bolo, Carballeda de Valdeorras, A Rúa, Petín, Rubiá, A Veiga e Vilamartín de Valdeorras, en Ourense, así como o de Quiroga en Lugo. Ese lume triplicou o máis extenso ata os incendios deste ano, o do Courel en 2022, que superara as 11.000 hectáreas.

Os tres grandes incendios arrasaron máis de 78.500 hectáreas

Tamén superaron o do Courel os de Oímbra-Xinzo de Limia, con 23.763 hectáreas queimadas, e Chandrexa de Queixa-Vilariño de Conso, con 23.036 hectáreas calcinadas. Este último chegou a ser o máis extenso de Galicia ata que o superou o de Larouco.

Incendio de Oímbra-Xinzo de Limia Incendio de Oímbra-Xinzo de Limia
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade