Publicador de contidos

Publicador de contidos

O mercado da vivenda modular aprecia un auxe significativo

O mercado da vivenda modular aprecia un auxe significativo

En seis ou oito meses o cliente pode ter a vivenda rematada para entrar a vivir

O prezo por metro cadrado anda entre os 1.700 e os 2.000 euros

G24.gal 16/08/2025 14:48

Sergio Sampedro ábrenos a porta da casa piloto que a súa empresa de construción modular levantou en Oleiros para mostrarlles aos clientes. Dinos que a arquitectura modular está en auxe, e que a súa empresa o notou sobre todo nos últimos tres anos.

"Pasamos de facturar un millón e medio, aproximadamente, a superar os tres millóns de euros, e en persoal pasamos de ser menos de quince persoas a andar nas 30", explica Sergio Sampedro, director xeral de Emsamble.

O interese por este modelo de vivenda apóiase en vantaxes coma comprala a prezo pechado, sen sorpresas, e tela construída nun prazo entre un 60 e un 80 menor que unha construción convencional.

"Desde que se obtén licenza, nós estamos tardando uns seis ou oito meses de contrución completa da vivenda, incluíndo o movemento de terras e a cimentación", puntualiza Sergio Sampedro.

Sergio puntualiza que tamén atrae clientes a garantía de calidade industrial.

"Podemos garantir unha calidade moi alta, independentemente da man de obra tan escasa que hai agora mesmo no sector, pola precisión coa que traballamos e o control exhaustivo de construción ao longo de todo o proceso", subliña o director xeral de Emsamble.

Recoñece, iso si, que a suba dos prezos dos materiais e da man de obra repercutiron, coma en todos, tamén neste sector.

"Estamos falando de entre 1.700 e 2.000 euros o metro cadrado construído máis IVE. É certo que este prezo inclúe cociña con electrodomésticos, armarios encaixados e baños equipados, é dicir, é un chave en man", precisa Sergio.

Por poñer un exemplo real, a casa piloto que nos mostra, de 140 metros e con tres dormitorios, suporía un desembolso de arredor de 270.000 euros.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade