Publicador de contidos

Publicador de contidos

Protección Civil estima que arderon máis de 300.000 hectáreas en España con 39 grandes incendios

Protección Civil estima que arderon máis de 300.000 hectáreas en España con 39 grandes incendios

España abandona a situación de preemerxencia para pasar á de alerta e seguimento

Rexistráronse 39 grandes lumes, faleceron 4 persoas e 48 quedaron feridas 

Un incendio declarado en Ciudad Real/Jesús Monroy/EFE
G24.gal 31/08/2025 20:23 Última actualización 31/08/2025 21:06


Este domingo amenceu con 28 incendios forestais activos no territorio español, a maior parte deles na comunidade de Castela e León.
O traballo dos equipos de extinción, xunto coa melloría das condicións meteorolóxicas, permitiu controlar ou extinguir todos os lumes.
A directora xeral de Protección Civil deu por rematada a peor parte desta vaga de incendios forestais. A situación permitiulle ao comité estatal de coordenación pasar da fase de preemerxencia á de alerta e seguimento.

"Este tráxico episodio da historia do noso país, degrandes incendios forestais, simultáneos, en vinte días, nunha parte importantísima do noso país, rematou. Pero a campaña de incendios forestais segue, e por iso ninguén pode baixar a garda", sinalou Virginia Barcones, responsable estatal de Protección Civil e Emerxencias

O novo estado de alerta e seguimento permanente implica que o Goberno central seguirá coordinando e poñendo á disposición das comunidades autónomas todos os medios antiincendios.

4 mortos, 48 feridos e máis de 300.000 hectáreas arrasadas

A responsable de Protección Civil e Emerxencias dixo que nestes últimos vinte dias os incendios forestais deixaron tras de si catro persoas mortas e 48 feridas.

39 grandes lumes e máis de 300.000 hectáreas queimadas

Neste mes houbo 93 incendios forestais comunicados ao Cecod, 59 deles nos que se chegou a declarar a situación operativa dúas de preemerxencia. Deses 93 lumes, 39 foron o que se considera "grandes incendios" por arrasar máis de 500 ha. A falta do reconto final, os datos do satélite Copernicus apuntan a máis de 300.000 hectáreas queimadas.

O pasado 16 agosto foi o peor día, con 23 lumes en situación operativa 2, 12 en Castela e León, 5 en Galicia, 3 en Estremadura, 2 Asturias e 1 Cantabria. De momento, hai 57 persoas detidas e 142 persoas investigadas por estes episodios.

As brigadas de extinción do Ministerio de Transición Ecolóxica e Reto Demográfico (Miteco), repartidas por todo o territorio, estiveron ao cento por cento do dispositivo. O número máximo de medios aéreos operado foi de 53 nun só día, 57 se se conta cos medios de extinción internacionais.

A Unidade Militar de Emerxencias (UME), co apoio do resto de Forzas Armadas, participou en 47 operacións na loita contra incendios. Isto supuxo un número acumulado de 5.772 militares e 2.138 medios.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade