A Tardiña Meiga pecha as festas do verán de Sarria
Meigas e Trasgos consegue implicar na música e na danza os máis mociños da vila
Dende hai uns anos a Asociación Meigas e Trasgos dedica o último día das festas da Noite Meiga, o domingo, ás nenas e nenos da vila, para que se vaian involucrando na música e na danza tradicional galega.
Na tarde deste domingo o grupo Troupelear desenvolveu o seu programa didáctico cunha trintena de persoas, entre maiores e pequenos, que, durante dúas horas, estiveron bailando e cantando sen parar, conseguindo así a total implicación das familias, tan importantes na transmisión natural da música e o baile.
Este ano Sarria celebrou a 55 edición da Noite Meiga, unha actividade lúdica que mestura danza e lenda e que consegue que a maior parte da veciñanza da vila participe nas actividades e na vida nocturna que se organiza co espectáculo de baile.