Fendas en medio cento de casas polas explosións da canteira de Budiño, no Porriño
Os veciños din que as súas casas tremen cada mediodía
Piden que as aseguradoras reparen os danos que poden chegar aos 4.000 euros por vivenda
Os veciños do Budiño, no Porriño, din estar fartos das explosións diarias na canteira próxima ás súas casas. Amais do ruído, que fai tremer o chan, aseguran que teñen fendas e que o estoupido mesmo chegou a romperlles os cristais das ventás. Piden que as aseguradoras se fagan cargo dos danos.
A de Herminia é unha das casas que mais danos ten. É unha imaxe que se repite en case todas as vivendas dos barrios de Vitureira e Vacaría. Fendas en todos os cuartos, nas paredes, no teito e mesmo no chan. Están provocadas polas explosións con dinamita que fan nas canteiras de San Salvador.
O estrondo é tan forte que fai tremer as casas, case a diario e normalmente cara ao mediodía senten algo como se fose un terremoto.
Moitos dos veciños forman parte da asociación de afectados. Eles din que non é unha loita contra a canteira, só queren que lles arranxen os danos nas súas propiedades.
Os responsables da canteira de San Salvador do Budiño instalaron sismógrafos para facer medicións. Din que os valores que rexistran están dentro da normativa malia os danos e as molestias que denuncian os veciños.