Publicador de contidos

Publicador de contidos

Prisión para un veciño de Lalín que asaltou unha vivenda e ameazou con tesoiras e gasolina o seu morador

Prisión para un veciño de Lalín que asaltou unha vivenda e ameazou con tesoiras e gasolina o seu morador

Segundo informa a Benemérita, os feitos ocorreron o pasado 24 de febreiro cando o agora detido accedeu ao interior da casa, situada en Lalín, facendo uso dunha escaleira e rompendo unha fiestra

G24.gal 02/03/2026 09:46

A Garda Civil detivo un home, veciño de Lalín, de 51 anos, por supostamente asaltar unha vivenda, ameazar o seu morador cunhas tesoiras, verter gasolina e levar uns 130 euros en efectivo.

Segundo informa a Benemérita, os feitos ocorreron o pasado 24 de febreiro cando o agora detido accedeu ao interior da casa, situada en Lalín, facendo uso dunha escaleira e rompendo unha fiestra. No interior, atopouse co morador, que o recoñeceu. Nese momento, o agresor reaccionou de maneira violenta e agresiva, ameazou a vítima cunhas tesoiras e manifestoulle que non ía saír.

Así, o dono da casa tratou de refuxiarse nun dos cuartos, e o agresor aproveitou para pechala e asegurarse de que non puidese saír atando o tirador cun cable. A pesar de todo, o home conseguiu escapar e nese momento viu o asaltante derramando gasolina e abandonando a vivenda levando 130 euros en efectivo que había sobre unha mesa.

O home foi detido como presunto autor dun delito de roubo con violencia e intimidación, dun delito de detención ilegal e dun delito de incendio en grao de tentativa. As dilixencias foron entregadas ao Tribunal de Sección Civil e Instrución Praza 2 de Lalín, que decretou prisión provisional para o detido.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade