Simulan un control policial nunha autovía para parar un furgón blindado e roubalo
O asaltantes levaban metralladoras e outras armas de gran calibre
Os Carabinieri lograron frustrar o asalto e deter dous dos ladróns
Un estraño control policial sorprendeu os que circulaban este luns por unha autovía preto de Brindisi, no sur de Italia. Algúns condutores que gravaron a escena desde o outro lado da vía decatáronse axiña de que se trataba dun asalto. O obxectivo era un furgón blindado, e para bloquearlle o paso pararon na vía varios coches, algúns con sirenas para simular un control da policía. Tamén incendiaron varios vehículos para enredar máis o tráfico e dificultar a chegada da policía, mentres rebentaban a traseira do furgón para acceder ao botín.
Malia que se trataba dun comando formado por polo menos seis persoas con metralladoras e outras armas de gran calibre, parece que non lograron o seu obxectivo. Os Carabinieri chegaron a tempo de frustrar a operación e perseguiron os asaltantes polas plantacións que arrodean a autovía. Lograron deter dous e seguen á busca do resto.
O suceso evidencia a escalada das accións criminais que levan tempo denunciando os sindicatos de carabineiros. De feito, xa se confirmou que os dous detidos son criminais dun grupo que parece manter relación coa 'Ndrangheta, unha das mafias que trafica con drogas e armas nesa zona do sur de Italia.
Os Carabinieri frustraron o roubo e detiveron dous asaltantes dun grupo vinculado á mafia que trafica con drogas e armas na zona