40 países traballarán para liberar 2.000 buques con 20.000 mariñeiros atrapados en Ormuz
Poderían impor sancións a Irán se mantén pechado o estreito
Acordouse nun encontro virtual, convocado polo Reino Unido, no que non participou España
Nunha reunión presencial nos días vindeiros poderían acordar o envío de efectivos para a limpeza de minas no estreito
Navío atacado no estreito de Ormuz (Reuters)
Uns corenta países, convocados polo Reino Unido, acordaron este xoves traballar coa Organización Marítima Internacional (OMI), que regula a seguridade na navegación mundial, para liberar 2.000 buques con 20.000 mariñeiros a bordo, que están varados no estreito de Ormuz, segundo informou a ministra británica de Exteriores, Yvette Cooper.
Ao remate dunha reunión virtual, na que non participou España, Cooper afirmou que se empregarán "todas as medidas económicas e diplomáticas dispoñibles" para restablecer "cando sexa posible" o tráfico marítimo por ese paso estratéxico, que Teherán mantén practicamente pechado desde que, o 28 de febreiro, EE.UU. e Israel iniciaron a guerra contra Irán.
Sancións a Irán
Eses 40 países poderían impoñer sancións a Irán se mantén pechado o estreito de Ormuz e rexeitaron calquera intento de cobrar peaxes aos buques que transiten por este paso estratéxico, segundo un comunicado emitido tras a reunión virtual convocada polo Reino Unido.
O pasado martes, a Comisión de Seguridade Nacional do Parlamento iraniano aprobou un proxecto de lei que establece o pago de peaxes no estreito de Ormuz, sen precisar a cantidade, e prohibe o tránsito de buques dos EUA e Israel.
A axencia Tasnim, vinculada a Garda Revolucionaria, indicou que o pago podería ascender a dous millóns de dólares (1,7 millóns de euros) por buque ou un sistema baseado no cargamento, similar ao Canal de Suez.
O comunicado difundido en Londres sinala que o paso é "un dos corredores marítimos máis críticos do mundo", utilizado para transportar subministracións vitais como fertilizantes para África e hidrocarburos que abastecen fogares, o transporte aéreo e o comercio internacional.
O secretario xeral da OMI, Arsenio Domínguez, que tamén asistiu á reunión, pediu evitar "as respostas fragmentadas" e buscar solucións "prácticas e neutrais" para liberar os arredor de 2.000 buques cuns 20.000 mariñeiros a bordo varados no Golfo desde o inicio do conflito.
Durante a reunión o ministro de Exteriores de Italia, Antonio Tajani, urxiu a crear un "corredor humanitario" específico para os barcos que transportan fertilizantes polo estreito, co obxectivo de evitar unha crise alimentaria en África.
Envío de efectivos para a limpeza de minas no estreito
A ministra británica Yvette Cooper engadiu que, á parte das conversacións diplomáticas, o vindeiro martes haberá unha reunión presencial e telemática de planificadores militares para avaliar como "manter a seguridade do transporte marítimo a longo prazo", o que incluirá o posible envío de efectivos para a limpeza de minas nese paso estratéxico do golfo Pérsico.
A cita convocada este xoves polo Goberno británico, á que non asisten os EUA, produciuse despois de que o presidente estadounidense, Donald Trump, instase a países como o Reino Unido a "ir e tomar o seu propio petróleo" se Irán mantén pechado o estreito, ao considerar que non lle axudaron canto o solicitou neste conflito.
Asistiron á reunión representantes de Francia, Alemaña, os Países Baixos, O Xapón, O Canadá, Corea do Sur, Nova Zelandia, Chile ou os Emiratos Árabes Unidos.
Na lista de países participantes non aparece o nome de España. Fontes do Foreign Office, consultadas por EFE, declinaron explicar se non fora invitada ou rexeitara participar. Pola súa banda, fontes do Ministerio de Exteriores español indicaron que "a posición de España de non facer nada que contribúa á guerra actual mantense".