Publicador de contidos

Publicador de contidos

Rueda: "Galicia será referente en Europa no sector da automoción"

Rueda: "Galicia será referente en Europa no sector da automoción"

Recordou que a chegada da automobilística chinesa SAIC á comunidade vai crear 2.300 empregos

Alfonso Rueda lembrou o seu compromiso de facer 4.000 vivendas en 4 anos, "e moitas delas xa se van entregar este ano"

O presidente da Xunta dixo que en España "non hai ningúen ao mando, as eleccións son imprescindibles"

"A visita do Papa sería a culminación perfecta do que vai ser o gran ano de Galicia", asegurou o presidente galego

 

 

G24.gal 09/06/2026 21:17 Última actualización 09/06/2026 22:29

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou nunha entrevista na Televisión de Galicia a chegada da automobilística chinesa SAIC, que acaba de anunciar que elixiu a comunidade para entrar en Europa.

"Foron moitos meses en contacto coa empresa, tiña moitas localizacións e ao final elixiu Galicia e agora hai que ir paso", dixo Rueda.

O presidente da Xunta lembrou que SAIC vai crear 2.300 empregos e "consolidarnos como un referente en Europa na industria do automóbil do futuro".

No eido industrial Alfonso Rueda lamentou que Altri non puidera instalarse na comunidade "porque outros deixaron a Lugo sen a conexión eléctrica". Neste senso criticou o papel da oposición en Galicia:  "ese negarse por sistema só leva a perder oportunidades que aproveitan outras comunidades e non podemos permitirnos iso". 

Rueda tamén falou do sector eólico, matizou que agarda que despois da última sentenza do Tribunal Supremo "poidamos comezar a instalar a potencia eólica" porque, -asegurou-"se hai xeración eólica e hidráulica haberá máis industrias".

"Queremos xestionar a AP-9 pero con financiamento"

O presidente da Xunta tamén falou de infraestruturas, en concreto da AP-9. Explicou que o goberno galego quere a xestión da autoestrada pero "queremos xestionala financiada, e eses cartos teñen que vir do Goberno Central, non temos que pagar algo que lle corresponde ao Estado".

Rueda avogou por xestionar coordinadamente os tres aeroportos e promocionar Galicia para que as aeroliñas se asenten na comunidade e os aeródromos recuperen volume de pasaxeiros. 

A sanidade foi outro dos temas que centrou a entrevista. Alfonso Rueda lembrou que en Galicia "temos unhas listas de agarda inferiores á media estatal pero iso para os afectados non é consuelo". Rueda comprometeuse a seguir traballando para reducir "esas listas  pero está complicado pola folga de médicos nacional que impacta nas comunidades". O presidente Rueda pediulle ao Ministerio que negocie canto antes cos médicos:

"Temos que conseguir máis médicos, e para iso necesitamos que o Ministerio se implique". 

Sobre as medidas para reducir a incidencia das baixas na comunidade, Rueda dixo que hai que respectar sempre aos traballadores que precisan estar de baixa, pero insistiu en que as cifras de incapacidades laborais amosan que hai "unha situación real que está indicindo na economía e a nosa obriga é intervir en todo esto". 

"Cando acabe esta lexislatura haberá miles de vivendas feitas pola Xunta"

Alfonso Rueda tamén repasou a situación da vivenda. Lembrou o seu compromiso de facer 4.000 inmobles en 4 anos "e moitos delas xa se van entregar este 2026".  "Cando acabe esta lexislatura haberá miles de vivendas feitas pola Xunta para venda e alugueiro a prezos asequibles", asegurou. Rueda explicou que ademais traballa para que os promoteres privados coa axuda do goberno galego "fagan vivendas a prezos asequibles". 

O financiamento autonómico tamén se abordou durante a entrevista. O presidente Rueda lembrou a posición de Galicia, "o que é de todos hai que repartilo entre todos" e o Goberno de Pedro Sánchez "ten pensado darlle máis do que lles corresponde a unhas comunidades para que outras percibamos menos". 

Sobre un posible adianto electoral en España, Alfonso Rueda lamentou que os cidadáns non saiban con que novo escándalo se van levantar ao día seguinte. "Non hai ningúen ao mando, as eleccións son imprescindibles. Teñen que falar os españois e decir se queren seguir con estes escándalos ou tomar un novo rumbo, pero Sánchez non o vai facer salvo que o obriguen os seus socios", dixo. 

En relación a Galicia dixo que se presentou cun programa electoral e o propósito é cumprilo. Agora mesmo, asegurou "máis do 80% do programa electoral está cumprido". Contrapuxo a situación de Galicia onde "hai tranquilidade" e "se está gobernando" coa de España. 

Sobre unha posible visita do Papa á comunidade o vindeiro ano Xacobeo 2027 dixo que "é unha oportunidade para vir con todo o que supón o fenómeno Xacobeo e sería a culminación perfecta do que vai ser o gran ano de Galicia". Adiantou que o goberno galego segue facendo as xestións precisas da man das autoridades eclesiásticas para conseguilo. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade