Frean o avance dos incendios de Madrid e Ávila antes de que empeoren as condicións meteorolóxicas
O lume segue activo e sen controlar mentres os equipos se centran na vixilancia ante a nova vaga de calor
Espéranse un aumento das temperaturas e refachos de vento desde as 11:00 da mañá, que marcarán a evolución dos incendios
O intenso traballo desenvolvido durante a madrugada permitiu conter o avance das frontes activas do incendio que afecta á serra oeste da Comuidade de Madrid e evitar que as lapas alcanzasen o municipio de Valdemaqueda, segundo informou a Delegación do Goberno.
O operativo, con máis de 400 efectivos terrestres e aéreos, conseguiu reducir a ameaza durante a noite. Con todo, o incendio continúa activo e sen controlar, e por iso este martes os labores centraranse na vixilancia e no arrefriamento das zonas afectadas ante o empeoramento das condicións metereolóxicas previsto para as próximas horas.
Segundo informou o 112 da Comunidade de Madrid, o punto máis sensible continúa a ser a contorna do río Cofio, onde os traballos permitiron mellorar a situación.
Ávila afronta unha xornada clave pola vaga de calor
O incendio de Burgohondo (Ávila) , o maior rexistrado en España, con 50.000 hectáreas queimadas, entra no seu sexto día cunha evolución máis favorable, aínda que os equipos de extinción afrontan unha xornada decisiva pola chegada dunha nova vaga de calor.
A previsión apunta a temperaturas de ata 38 graos, humidades moi baixas e refachos de vento de ata 45 quilómetros por hora, unhas condicións que poderían complicar os labores de extinción e favorecer as reactivacións do lume. Mentres, os municipios de Cebreros, Navaluenga, El Tiemblo e Las Navas del Marqués continúan confinados e outros 16 núcleos seguen evacuados.
O incendio de Castelló continúa activo
O incendio declarado o pasado sábado na Vall d´Uixió afronta o seu cuarto días tras calcinar xa arredor de 8.500 hectáreas. O lume continúa activo, aínda que durante a noite se autorizou o regreso ás súas vivendas dunhas 6.000 persoas, metres outras 10.000 seguen evacuadas.
Os medios aéreos retomaron a súa actividade a primeira hora da mañá para aproveitar a mellora das condicións metereolóxicas. Ademais, continúa cortada a circulación en oito estradas da zona, mentres un novo CECOPI avaliará a evolución do incendio e a posibilidade de levantar novos confinamentos.