Publicador de contidos

Publicador de contidos

O Goberno garante que haberá queroseno para as aeroliñas, pero admite que os prezos están subindo

O Goberno garante que haberá queroseno para as aeroliñas, pero admite que os prezos están subindo

As compañías trasladan que poderán operar con normalidade durante a tempada de verán

Algúns provedores de viaxes están a aplicar suplementos polo aumento dos combustibles

G24.gal 08/06/2026 15:15

A Unión Europea lanza unha mensaxe de tranquilidade de cara á tempada de verán e asegura que non haberá problemas de transporte aéreo por unha posible falta de combustible. Os ministros de Transporte da Unión reuníronse este luns en Luxemburgo para analizar os efectos da guerra en Irán e o bloqueo do estreito de Ormuz, e de momento, son positivos.

Dende o Goberno español, Óscar Puente, explica que as propias aeroliñas aseguran que non terán problemas de subministración aínda que admite que si pode haber unha suba de prezos se a guerra continúa. España, di o ministro, conta con varias refinerías que producen queroseno e, por tanto, non depende tanto do mercado exterior como outros territorios.

Pero si hai que contar, asume Puente, cos efectos que poida haber na chegada de turistas se nos seús países de orixe si hai escaseza de combustible.

Pero outra son os prezos. A guerra xa fixo que algúns provedores de viaxes comezasen a aplicar suplementos por combustible en viaxes que se contrataron tempo atrás. Non acontece cando alguén compra simplemente un voo pero si pode suceder nos paquetes de vacacións porque nese caso as empresas emiten os billetes pouco antes da saída e nese momento os prezos poden variar.

"Están empezando a mandar un incremento de carburante duns setenta euros por pasaxeiro", conta Iria Rodríguez, responsable da oficina de Halcón Viajes na avenida de García Barbón de Vigo.

Outros provedores, pola contra, garanten os prezos para os próximos meses. E nas axencias, de momento, non están a notar un aumento xeralizado de prezos nas viaxes en avión. Hai que entender que as aeroliñas adoitan mercar carburante con meses de antelación e os efectos nas tarifas poden notarse moito tempo despois.

"É certo que se prevé que para as seguintes compras que teñan que facer o combustible estará máis caro e irán repercutíndoo nos prezos pero non son subas tan grandes como todos pensamos", explica Abilio Álvarez, xerente de Bivestour Viajes na praza de Compostela de Vigo.

As subas que poidan notarse, aseguran, son puntuais, debidos aos efectos clásicos da oferta e da demanda sobre os voos, un mecanismo dinámico que dende hai anos utilizan as compañías aéreas. En xeral, se alguén compra un billete con tempo pode conseguir un prezo inferior cós que mercan máis tarde.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade