Allegue: "O obxectivo é que máis galegos podan acceder a unha vivenda protexida"
A conselleira de Vivenda considera axeitado incrementar os limiares de renda premiando as familias numerosas
"Conseguir que máis galegos poidan acceder a unha vivenda de promoción pública". Este é o obxectivo da modificación introducida pola Xunta de Galicia, que eleva o limiar de ingresos máximos para acceder a unha vivenda pública, de maneira que unha parella sen fillos verá elevado o limiar de 2.000 a 3.200 euros; no caso dunha parella cun fillo ao seu cargo, pasa de 2.250 euros mensuais a un máximo de 3.530 euros brutos ao mes e nas familias numerosas situarase o límite nos 4.200 euros.
Nunha entrevista no Bos días, a conselleira de Vivenda María Martínez Allegue explicou: "Consideramos axeitado incrementar o límite para que máis galegos poidan acceder a unha vivenda protexida e premiar as familias numerosas".
A titular de Vivenda explicou na entrevista que, para acceder a unha vivenda de promoción pública, será preciso estar inscrito no rexistro de demandantes de vivenda protexida, cumprir cos limiares de renda e estar vivindo ou traballando nese concello.
A Xunta decidiu establecer un cupo especial para as persoas de entre 35 e 46 anos con fillos ao cargo, que quedaban fóra de moitas das liñas de axudas vixentes ata o momento. A reserva será do 40 % en réxime de alugueiro e dun 25 % no réxime de venda. "Se es beneficiaro dun cupo non podes acceder a outro", explica a conselleira.
Ademais, desde este ano, bonificarase a totalidade do imposto de actos xurídicos documentados para todas as vivendas protexidas de ata cento vinte metros cadrados, equivalente ao 1,5 % do valor de cada escritura. "Queremos incentivar e axudar á construcción de vivendas protexida".
Segundo Martínez Allegue, xa están en marcha as catro mil vivendas comprometidas pola Xunta ata 2028. Algunhas destas promocións, situadas en Santiago e Pontevedra, entregaranse xa este ano.