Publicador de contidos

Publicador de contidos

Abre o prazo para pedir o Aval Mozo, que cobre o 20 % da hipoteca de primeira vivenda a menores de 36 anos

Abre o prazo para pedir o Aval Mozo, que cobre o 20 % da hipoteca de primeira vivenda a menores de 36 anos

A responsable de Vivenda destacou a firma de convenios con entidades como Abanca, Caixa Rural, Banco Sabadell e Unicaja para a xestión destes avais

G24.gal 13/03/2026 13:58

A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, anunciou este venres en Ferrol a apertura do prazo para solicitar o Aval Mozo, unha liña de axudas da Xunta de Galicia destinada a facilitar a emancipación dos menores de 36 anos mediante a cobertura do 20 % do préstamo hipotecario.

Durante unha visita ao novo fogar de Susana e David, unha moza parella que adquiriu a súa primeira vivenda grazas a este programa, a conselleira detallou que a convocatoria conta cunha consignación de 5 millóns de euros.

"Normalmente as entidades financeiras avalan ata un 80 %; nós avalamos o 20 % restante para que os mozos teñan máis facilidades", explicou Martínez Allegue. A responsable de Vivenda destacou a firma de convenios con entidades como Abanca, Caixa Rural, Banco Sabadell e Unicaja para a xestión destes avais. Ademais, subliñou que esta medida é compatible con outras liñas de subvención que a Xunta convocará este mesmo trimestre, como as axudas para a compra de vivenda protexida ou en centros históricos, que poden alcanzar os 20.000 euros.

Esixencia ao Goberno central

Martínez Allegue aproveitou a visita ao barrio de Canido, para lanzar unha dura crítica á administración estatal.

"Esiximos ao Goberno central responsabilidade. O Plan Estatal de Vivenda debería estar operativo desde o 1 de xaneiro de 2026 e aínda non sabemos nada", denunciou a conselleira, instando á súa aprobación inmediata para que as comunidades autónomas poidan activar os fondos dependentes do Estado.

En contraste, defendeu que a Xunta xa ten en marcha as súas liñas propias, como o programa Fogar Vivo, as axudas para reformas en concellos de menos de 5.000 habitantes e o mencionado Aval Mozo. A preguntas dos medios sobre o desenvolvemento urbanístico na zona de O Bertón (Ferrol), a conselleira ratificou o compromiso da Xunta coa vivenda pública.

Actualmente, atópanse en execución dous proxectos que suman 24 vivendas, mentres que outros tres están en fase de licitación.

"O noso reto é que no ano 2028 teñamos 4.000 novas vivendas de promoción pública distribuídas por toda Galicia", concluíu Martínez Allegue, reafirmando que Ferrol será unha peza crave nesta estratexia habitacional.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade