Publicador de contidos

Publicador de contidos

O Goberno contempla a baixada do IVE da luz para conter o prezo eléctrico

O Goberno contempla a baixada do IVE da luz para conter o prezo eléctrico

Aagesen insistiu en que o Executivo continúa traballando no seu plan de resposta "integral" ao impacto económico da guerra en Irán

Cuerpo avanza medidas para frear a suba dos carburantes, pero a CEOE pídelle que non sexa en forma de bonificacións

G24.gal 13/03/2026 12:48

A vicepresidenta terceira e ministra para a Transición Ecolóxica, Sara Aagesen, admitiu este venres que entre as medidas fiscais que contempla o Goberno para conter o prezo da electricidade ante a volatilidade polas tensións en Oriente Próximo atópase a baixada do IVE.

En declaracións aos medios, Aagesen insistiu en que o Executivo continúa traballando no seu plan de resposta "integral" ao impacto económico da guerra en Irán, analizando as propostas dos distintos grupos parlamentarios que continúan chegando, e é que "o consenso é fundamental".

A baixada do IVE da electricidade foi, precisamente, unha das iniciativas que o Goberno puxo en marcha por mor da crise enerxética que estalou en 2022 tras a invasión rusa de Ucraína.

"Traballamos cada hora e cada día para que ese paquete de medidas, que é un plan de resposta integral, poida chegar canto antes a todo o tecido produtivo, a todos os cidadáns, aos fogares e aos distintos sectores que se están vendo máis afectados", subliñou a vicepresidenta terceira.

Como xa avanzaran o ministro de Economía, Carlos Cuerpo, e a propia Aagesen na véspera, o "esqueleto" dese plan de resposta presentado aos axentes sociais consta de catro grandes piares de iniciativas conxunturais.

Estas son, lembrou a titular de Transición Ecolóxica, medidas de escudo social para protexer aos máis vulnerables; medidas para os profesionais, para ver de que maneira pódese mitigar o impacto da subida dos carburantes; medidas fiscais tamén no mundo enerxético, e por último, medidas antifraudes.

A elas sumaranse outras de carácter estrutural, e é que é "importantísimo" seguir profundando na soberanía enerxética recorrendo a aquilo do que España ten recurso, que son as renovables, sentenciou Aagesen.

Cuerpo apuntou nunha entrevista en RNE que tamén van "limitar o efecto que ten esa suba de carburantes, de gasóleo e de gasolina, nos petos dos cidadáns".

A CEOE pídelle que esa medida non sexa en forma de bonificacións como cando estalou a guerra en Ucraína porque, segundo o seu presidente, Antonio Garamendi, "son un problema, especialmente para as pequenas gasolineiras". O líder da patronal reclama que os descontos se apliquen nos impostos dos carburantes.

O agro pide descontos

O agro tamén pide descontos específicos. A suba chega xusto cando máis combustible usan porque veñen as campañas de ensilado e de abonado, segundo explicou Elías Somoza, presidente de Fruga.

O Goberno central descarta reunirse cos presidentes autonómicos, como piden varias comunidades, entre elas, Galicia. Segundo Ángel Víctor Torres, ministro de Política Territorial, "non se dan as circunstancias para esa Conferencia de Presidentes".

O executivo apela aos partidos para aprobar no Congreso un paquete de medidas que polo momento descoñecen. Juan Bravo, vicesecretario de Economía do PP, aféalle ao Goberno que non presentase aínda o plan, cando si coñece as medidas aprobadas en Portugal e en Italia.

 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade