Feijóo: "A Galicia víríalle ben ter de presidente do Goberno alguén que foi presidente da Xunta"
O candidato do PP propón onstruír un millón de vivendas en catro anos e aprobar, nos primeiros cen días, tres leis relacionadas coa vivenda
Núñez Feijóo defende que os netos de exiliados voten, pero non os bisnetos e tataranetos: "Un Goberno que non limpa o censo electoral nunhas eleccións é un Goberno sospeitoso"
Sobre unha posible alianza con Vox, sinala: "Se non temos a maioría e teño que pactar coa terceira forza política, tentareino"
"España debe decidir entre "proseguir cunha política baseada na decadencia e a indecencia ou facer un cambio político e abrir unha nova etapa". Así o asegurou o candidato do PP ás eleccións xerais, Alberto Núñez Feijoo, nunha entrevista este luns na TVG.
A cinco semanas da cita coas urnas, Feijóo asegura que é urxente "derrubar muros e construír pontes", porque o cambio, asegura, é "máis necesario que nunca".
Feijóo, que desenvolveu a meirande parte da súa carreira política en Galicia, asegura que á nosa comunidade "viríalle ben ter de presidente do Goberno alguén que foi presidente da Xunta". "Coñezo o país, son de aquí. Temos problemas de vivenda, de infraestruturas e un gromo de inseguridade, como vimos hai uns días na Coruña. Temos que traballar neses asuntos e eu non vou esquecer quen son".
"Un Goberno que non limpa o censo electoral nunhas eleccións é un Goberno sospeitoso"
Feijóo acode á cita coas urnas en plena polémica pola lei de netos, que impedirá votar a moitos descendentes de galegos. O candidato popular defende "limpar" o censo electoral ante as sospeitas de irregularidades no voto exterior e afirma: "Un Goberno que non limpa o censo electoral é un Goberno sospeitoso".
Na entrevista dixo que "o PP non quita o voto a ninguén" e sinala que a súa formación defende que o neto do exiliado vote, pero non un bisneto e un tatareneto que nunca visitou España.
A cinco semanas das eleccións xerais, as enquisas debuxan un mapa electoral sen maiorías absolutas. Feijóo afirma que se presenta os comicios co obxectivo de "volver gañar". Pero explica que "se non temos maioría asumirei oi resultado das urnas e, se teño que pactar coa terceira forza política, tentarei pactar con ela.
Iso si, o candidato popular establece tres liñas vermellas: respecto á Constitución e as institucións, respecto ao estado das autonomías e respecto ao bilingüismo nas comunidades con dúas linguas".
A unhas horas de que se peche o prazo pra presentarse ou non con Vox ao Senado, Feijóo afirma que "PP e Vox son partidos diferentes" e a sintonía "non é fácil".
Plan de choque para a vivenda e rebaixas fiscais
O líder do PP preséntase ás eleccións con varias propostas en carteira. Propón, entre outras cousas, construír un millón de vivendas en catro anos e aprobar, nos primeiros cen días, tres leis relacionadas coa vivenda: unha nova lei do solo, unha nova lei de propiedade horizontal que permita dividir os pisos grandes noutros máis pequenos, e unha lei antiocupación, para dotar de máis seguridade os propietarios. Segundo Feijóo, o millón de vivendas que eles queren construír traduciríase en 500.000 postos de traballo.
Ademais, ante unha inflación que cualificou de "disparada", o candidato popular propón un plan de choque que inclúe o IVE ao 0 % para a canastra básica de alimentos, a deflactación da tarifa do IRPF e a exención do IVE para os autónomos que facturen menos de 85.000 euros.
O candidato do PP insiste en que o financiamento é clave para sacar adiante moitos dos seus proxectos. Explica que "non aceptará cotas políticas" e promete traballar para sacar adiante as infraestruturas que quedan aínda pendentes, como a A-54 que une Santiago e Lugo.
"Sei as infraestruturas que nos faltan, o sistema de financiamento que precisamos, coñezo o país e, seguirei traballando, se teño ocasión, desde a presidencia do Goberno de España".