Publicador de contidos

Publicador de contidos

A exedil de Láncara, xulgada na Audiencia de Lugo, nega as acusacións de estafa a un construtor

A exedil de Láncara, xulgada na Audiencia de Lugo, nega as acusacións de estafa a un construtor

Declara que non ten coñecementos informáticos para manipular un documento pdf cunha orde de pagamento falsa 

Ela e o seu pai están acusados de non pagar polas obras dunha casa e pola compra dun tractor 

Cada un deles enfróntanse a unha pena de dous anos e seis meses de prisión 

Arquivo Arquivo
G24.gal 02/03/2026 16:48

A exconcelleira de Láncara, Begoña López, acusada de estafa e falsidade documental, negou este luns ante o xuíz a manipulación de ningún documento en pdf e alegou que non ten "coñecementos informáticos" suficientes para facelo.

López, que só respondeu ás preguntas que lle formulou o seu avogado, declarou que non tivo relación co construtor afectado en ningún momento, xa que as obras se facían en vivendas das que non era propietaria. Ademáis manifestou que o seu pai fixo dous pagos en metálico, "dos que a miña nai e eu fomos testemuñas".

Visto para sentenza 

O xuízo contra a exedila de Láncara e o seu pai quedou este luns visto para sentenza, na Audiencia Provincial de Lugo, tras a celebración da segunda sesión, na que declarou unha das testemuñas e a denunciada, xa que o seu pai se acolleu ao seu dereito a non facelo.

O pai e filla están acusados de non pagar a un construtor polas obras realizadas nunha casa, e ao dono dun taller, pola compra dun tractor. Por todo iso, enfróntanse cada un a unha pena de dous anos e seis meses de prisión e a unha multa de 2.400 euros, aínda que as dúas acusacións particulares solicitan catro anos de cárcere e 6.000 euros de multa.

Acusados de realizar unha transferencia de 2 euros ao construtor en vez dos 39.000 que lle debían 

Os feitos xulgados ocorreron no ano 2021. Segundo a acusación, a exconcelleira, que agora ten 39 anos de idade, e o seu pai, de 66, fixeron unha transferencia de 2 euros ao construtor coa intención de xerar un documento pdf cunha orde de pago, na que despois manipularon o importe para que figurasen 39.272 euros. Cando a vítima viu o documento, pensou que se fixera o pago e continuou cos traballos na vivenda, que posteriormente foron valorados en 46.338 euros.

Durante o xuízo, o construtor explicou que cando lle reclamou a ambos o pago, estes aseguraron que se trataba dun erro do banco e que estaba todo ben. Días máis tarde, unha muller chamou á vítima identificándose como traballadora da entidade bancaria e asegurando que fora un erro deles, pero o home desconfiou e explicou que máis tarde descubriu que todo era falso. Despois, os técnicos aseguraron que a chamada se efectuou desde un teléfono do concello.

Fixeron ao mesmo cando mercaron un tractor 

Aos dous acusados atribúeselles unha acción similar previa coa compra dun tractor. Ao dono dun taller entregáronlle un documento no que figuraba un pago de 10.002 euros, pero só ingresaron 2. Neste caso, non se reclama indemnización porque o home recuperou o tractor cando este tivo unha avaría e os acusados devolvérono ao taller.

Nesta segunda sesión declarou o dono do tractor, corroborando o escrito de acusación e asegurando que o vehículo foi entregado aos denunciados antes de que lle fixesen chegar o recibo de pago, pero que non houbo ningún abono polo mesmo.

Responsabilizou unicamente ao pai do sucedido, que foi o único que asinou un precontrato de compra. Pola súa banda, a exconcelleira afirmou que xa lle indicaran ao propietario do taller que non ían quedar co vehículo porque tiña moitos problemas. Tamén se referiu ao teléfono co que presuntamente se fixo a chamada na que tentou facerse pasar por axente do banco: "Era un teléfono que se utilizaba no concello para queixas e suxestións e non o usaba só eu".

Ademais das penas de cárcere, a Fiscalía solicita para os acusados un pago conxunto de 46.338 euros á vítima polos prexuízos ocasionados, mentres que a acusación popular aumenta a indemnización a 61.000 euros, ademais doutros 3.000 por danos e prexuízos.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade