Publicador de contidos

Publicador de contidos

Detido un xestor na Coruña por estafar a unha clienta 190.000 euros por unha póliza

Detido un xestor na Coruña por estafar a unha clienta 190.000 euros por unha póliza

O arrestado cobrou eses cartos á muller por xestionar o cobro do seguro por defunción, a pensión de viuvez e a tramitación da residencia

A cantidade estafada, que triplicaba os honorarios habituais, foi recuperada na súa totalidade  

G24.gal 15/04/2026 18:41

A Policía Nacional detivo na Coruña un home pola estafa de 190.000 euros a unha muller, diñeiro que lle cobrara por supostamente realizar diferentes xestións dunha póliza de defunción.

Segundo informou o 091 nun comunicado feito público este mércores, os feitos ocorreron en xaneiro de 2024, cando a vítima que residía en Suíza co seu marido decidiu trasladarse a vivir a España tras o falecemento do home, polo que cobrou unha importante póliza de defunción.

Unha vez na Coruña decidiu xestionar a cobro da póliza e regularizar a súa situación administrativa en España, para o que acudiu, aconsellada por un coñecido, a un xestor.

O arrestado aproveitou a situación de vulnerabilidade da muller 

Este home, segundo a Policía, aproveitou "a situación de vulnerabilidade da vítima, sen apoio familiar nin social no país e en situación irregular, alén do seu descoñecemento da materia, para cobrarlle a cantidade de 190.000 euros a cambio de xestionar o cobro do seguro por defunción, a pensión de viuvez e a tramitación da residencia".

Esta cantidade triplicaría os honorarios habituais que un profesional cobraría polas xestións.

O xestor indicáballe que a maior parte do diñeiro solicitado era para gastos, como viaxes a Suíza ou a suposta axilización mediante pago aos seus contactos coa Policía para os trámites de regularización; e outra parte, a súa comisión polos servizos prestados.

Tras recibir o diñeiro aconselloulle á muller que non saíse moito do seu domicilio para non ser vista pola Policía, nin que realizase trámites no banco ou se interesase polas xestións que se levaban a cabo, baixo o pretexto de que as mesmas poderían ser paralizadas polo banco ou a policía.

O home impedía á estafada dispoñer do seus propios cartos 

Tamén daba evasivas e escusas sobre o avance nos trámites, chegando a exercer durante un tempo un control férreo sobre a vítima, que non podía dispoñer do seu propio diñeiro para os seus gastos diarios.

O xestor, segundo a investigación, abriu unha conta bancaria para ingresar o diñeiro estafado, facendo múltiples reintegros en metálico e varias transferencias a empresas dalgún xeito vinculadas a el ou aos seus familiares.

O obxectivo era impedir o rastrexo dos cartos así como o seu bloqueo e recuperación e darlle aparencia de legalidade, sen que chegase a realizar ningún dos trámites solicitados pola vítima.

O home foi detido e o diñeiro estafado, recuperado.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade