Publicador de contidos

Publicador de contidos

O loteiro da Coruña nega que lle ocultase a primitiva premiada ao dono: "É mentira"

O loteiro da Coruña nega que lle ocultase a primitiva premiada ao dono: "É mentira"

Manuel Reija alega que cando comprobou o boleto estaba só: "Estaba frustrado por non ter á persoa diante para darlle a alegría"

Mañá declara o seu irmán, acusado de facer posible que el quedase co boleto premiado

G24.gal 20/04/2026 14:51

O loteiro da Coruña que dixo atopar unha primitiva premiada con 4,7 millóns de euros en 2012 asegurou no xuízo que cando achou o boleto quedou "frustrado por non ter a persoa diante para darlle a alegría".

A sección segunda da Audiencia Provincial da Coruña celebrou este luns a quinta sesión do xuízo contra o loteiro Manuel Reija e o seu irmán Miguel, que no momento do sorteo era delegado provincial de Loterías, acusados de quedarse cun boleto da primitiva premiado con 4,7 millóns de euros en 2012, reclamado por dúas familias de dous falecidos.

O seu relato sobre aquela mañá foi o que mantén desde o principio: atopou un grupo de boletos -que "podían ser cinco, seis, oito ou dez"- no mostrador, "instintivamente" comprobounos e quedou sorprendido ante o premio, aínda que en se momento empezou a entrar xente na administración e deixounos apartados, para logo comprobalos outras dúas veces.

"Déixoo alí apartado e continúo a mañá traballando normalmente. A miña mente estaba todo o intre nese boleto", sinalou e agregou que a continuación foi á Delegación Provincial de Loterías a comentalo co seu irmán, que era o delegado, porque el non tiña "nin pajolera idea de que facer".

Preguntado sobre que fixo co resto de boletos dese grupo, incluído un premiado -que a Policía cre que abonou no momento ao apostante, pois eran 3 euros-, dixo que foi coma se a súa "mente se esquecera". "Estaba frustrado por non ter á persoa diante para darlle a alegría", mantivo durante o interrogatorio.

Manuel Reija mostrou o seu malestar coas preguntas da Fiscalía sobre se tiña o apostante diante cando comprobou os boletos ou se tiña un plan co seu irmán para quedar co premio: "É mentira", exclamou. "Considerei prioritario coidar moito o boleto e que non lle pasase nada"

O loteiro dixo que viu o boleto, dentro dun grupo, ao seu alcance desde o seu posto de traballo, polo que comprobou todos: "Se me dá por saír, van ao lixo directamente", apuntou. Entón, ao ver que estaba premiado, considerou "prioritario coidalo moito e que non lle pasase nada", pois, segundo a súa versión, cando o viu non había ninguén na administración e descoñecía quen era o apostante.

Sobre a súa petición de cobranza dos 4,7 millóns, mantivo que a súa única finalidade "era simplemente que non caducase ese boleto" e que tanto ese movemento como o resto de accións que realizou entón foron por consello dos seus avogados.

A Fiscalía considera ao loteiro responsable dun suposto delito de estafa -ou de forma alternativa de apropiación indebida-, polo que pide seis anos de prisión, así como outros seis para o seu irmán, ao que neste caso ve implicado nun suposto delito de branqueo de capitais ou de encubrimento, con tres anos de prisión.

Os feitos obxecto desta causa xudicial remóntanse ao 30 de xuño de 2012 cando a Administración de Loterías número 44 situada en Carrefour, na coruñesa avenida de Alfonso Molina, recibiu o aviso de que se selara de xeito automático un boleto de Primitiva gañador e tres billetes máis que, supostamente, pertencían ao mesmo home. Estes foron comprobados no despacho de San Agustín o 2 de xullo de 2012. 

Nesta quinta sesión do xuízo declararon tamén tres delegados de Loterías de distintas provincias españolas aos que chamou Miguel Reija para pedirlles consello sobre como actuar. Todos eles recomendáronlle falar directamente co presidente da Selae e tamén co director da asociación de delegados de Loterías.

"Eu díxenlle: sinceramente, Miguel, se a min me pasase iso, intentaría falar co presidente da Selae, que me reciba a máxima urxencia. E parece que me fixo caso".

Os tres coincidiron tamén en que o seu xeito de actuar de Miguel Reija, como delegado provincial de Loterías, foi o correcto."O que fixo Miguel Reija foi razoable e correcto. É o que eu faría". 

A preguntas da defensa de Miguel Reija, explicaron que no 2012, cando aconteceron os feitos, non existía ningún protocolo para actuar no caso de ter que identificar o titular descoñecido dun boleto premiado.

Está previsto que o xuízo remate mañá coas conclusións e informes finais.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade