Unha parella colleu a remuda para rexentar o único ultramarinos que quedaba en Cortegada
Os ultramarinos seguen concentrando a vida social e cubrindo a necesidades básicas de parroquias e aldeas
Cada vez quedan menos no rural galego e, os que permanecen abertos, a miúdo son rexentados por familias que teñen outros traballos
Os ultramarinos son as tendas de toda a vida nas parroquias e aldeas e xa non quedan moitos. Hai un en Cortegada que leva tras de si décadas de historia, e que dende hai un par de anos quedou en mans dunha parella que decidiu apostar polo rural; a miúdo son rexentados familias que a maiores teñen outros traballos, pero que tamén apostan por seguir mantendo a vida social na aldea e darlle un servicio de produtos básicos aos veciños sen ter que desprazarse aos grandes comercios da vila.
"Nós traballabamos eu en atención a domicilio e meu home a media xornada nun agro. E cando quedei embarazada buscabamos algo que fora un pouco mellor. Enterámonos de que a tenda estaba en aluguer e collémola. Agora, o día 12 facemos case dous anos. É unha tenda que levaba 47 anos aberta cos seus antigos donos, e eiquí seguimos coas mesmas tradicións", explica Patricia Senra, que rexenta o ultramarinos de Cortegada
Deste xeito conta Patricia, orixinaria de Cortegada, como foi esa decisión que lles cambiou a vida. Relata que hai vinte anos había catro tendas coma súa, pero pasou o que pasa na meirande parte dos casos, que pecharon e xa non volveron abrir. Eles decidiron cambiar as tornas, porque esto nunha zona rural é algo máis ca unha tenda, como conta Diego Pérez, o home de Patricia.
"Eu coñezo a todos os meus clientes, coñezo seus nomes, lévolle cousas a casa, as veces chámanme para que lles leve algo da farmacia. A algúns góstalles quedar a falar un rato, eu quedo a tomar café con eles e charlamos. Non é só vender por vender, aquí é un trato familiar."
En Cortegada hai máis sitios nos que comprar, pero este é o único ultramarinos que queda. Aquí a clientela pode atopar prácticamente todo o que precisa, e a carón da casa. Tamén os domingos e festivos.
- "Mira nós imos facer unha paella e aquí haino todo, todo, todo."
- "O sitio máis preto será Ribadavia, é moito mellor vir aquí."
- "Formidable. Xa tiñamos pena de cando os antigos donos ían xubilarse que quedáramos sen nada. Esto é 24 horas, 24/7."
E algo máis a ter en conta, a seu ultramarinos vense a comprar, pero non só a iso, explica Patricia.
"Aquí sábese todo o que pasa no pobo, aquí se pasa algo xa nos enteramos todos."
O negocio permítelles vivir aquí, como elexiron. Aquí é onde teñen previsto que medre a súa cativa e onde a coidan: vai ser moi feliz.