Desarticulado un grupo que estafaba hostaleiros facéndose pasar pola compañía da luz
Hai oito bares e restaurantes afectados na provincia da Coruña
A Garda Civil detivo seis persoas e estima o prexuízo económico en máis de 10.000 euros
A Garda Civil desarticulou unha organización criminal dedicada a estafar hostaleiros na provincia da Coruña mediante o método do corte de luz, polo cal chamaban aos restaurantes e bares facéndose pasar pola compañía eléctrica para esixir un pago inmediato por atrasos para non quitar a subministración ao local.
A operación Lightcall concluíu con seis persoas investigadas, oito establecementos prexudicados e un prexuízo económico de 10.951 euros, dos cales se recuperaron 2.600 euros.
Esta operación permitiu esclarecer oito feitos delituosos cometidos contra bares, restaurantes e cafeterías dos municipios coruñeses de Boiro, Muros, Santa Comba, Padrón, Noia e Muxía.
Esixían pagos para evitar cortes de luz nos establecementos
Os autores seleccionaban previamente as súas vítimas tras recompilar información detallada sobre os negocios, obtendo datos como a dirección do establecemento e a compañía comercializadora de subministración eléctrica. Con esta información, contactaban telefonicamente cos responsables dos locais facéndose pasar por empregados da empresa subministradora.
Durante a chamada, informaban as vítimas da existencia dunha suposta débeda pendente e advertíanlles de que, en caso de non aboala de forma inmediata, procederían ao corte da subministración eléctrica. "Para incrementar a presión e dificultar a capacidade de reacción dos afectados, as chamadas realizábanse habitualmente en horas de máxima actividade, coincidindo cos servizos de comidas", explica a Garda Civil. Ante a posibilidade de sufrir a interrupción da subministración eléctrica en pleno horario de traballo, as vítimas accedían a realizar os pagos esixidos.
Unha vez obtida a primeira transferencia, os estafadores trataban de conseguir novos ingresos ao alegar supostos erros na operación ou a necesidade de repetir o pago.
En total, procedeuse á investigación de cinco persoas nas provincias de Almería, Cádiz, Xirona e Málaga e na localidade gaditana de Alxeciras, alén da detención dun integrante do grupo en Vigo. As dilixencias instruídas foron remitidas ao Tribunal de Instancia e Instrución de Muros.
Como actuar ante este tipo de bandas
A Garda Civil lembra a empresarios e autónomos a importancia de extremar as precaucións ante este tipo de chamadas.
"Ante calquera requirimento de pago urxente relacionado con subministracións básicas, recoméndase verificar a información contactando directamente coa compañía subministradora a través das súas canles oficiais e desconfiar de calquera solicitude de transferencia inmediata baixo ameazas de suspensión do servizo", sinala a Garda Civil.
Así mesmo, aconsellan comunicar calquera intento de estafa ás Forzas e Corpos de Seguridade para facilitar a investigación e previr novas vítimas.