De Ourense a Huesca, pasando por Madrid, cinco detidos e 36 quilos de cocaína
A maxistrada da Praza número 3 da Sección de Instrución do Tribunal de Instancia de Ourense decretou o seu ingreso en prisión provisional, comunicada e sen fianza
Unha operación antidroga conxunta entre Garda Civil e Policía Nacional, que este xoves sacudiu o barrio ourensán de Seixalbo, deixa finalmente cinco persoas detidas entre Ourense, Huesca e Madrid, 36 quilogramos de cocaína incautados e a localización dunha arma de fogo.
Segundo informaron fontes próximas ao caso, consultadas por Europa Press, a primeira detención produciuse este pasado mércores tras interceptar o vehículo do xefe do grupo circulando no municipio de Fraga, en Huesca, no cal se detectou un alixo de 36 quilogramos de cocaína.
"Droga dunha pureza do 80 % que suporía no mercado uns 900 mil euros. Transportábase en convoi, en vehículos con dobre fondo e compartimentos ocultos. Puñan por diante un compartimento baleiro para tratar de enganar os axentes", explica Juan José López Castro, capitán da Policía Xudicial de Ourense.
Así mesmo, este pasado xoves, os axentes efectuaron un rexistro nunha vivenda de Seixalbo que acabou con outro detido; nela, localizouse tamén unha arma de fogo. Durante a operación, procedeuse á detención doutras tres persoas na Comunidade de Madrid.
Nesta liña, durante os rexistros, que se realizaron tamén nunha vivenda de Allariz, incautáronse de útiles para o transporte da droga.
Catro dos detidos son de orixe dominicana e un venezolano, e hai, ademais, outro investigado que quedou en liberdade.
"Tamén rexistramos o almacén temporal, o día 9, en Madrid. Desde aí transportaban a Galicia, Cataluña e Comunidade Valenciana", di o capitán.
As investigacións inícianse a principios de 2025 cando a as Forzas e Corpos de Seguridade do Estado teñen coñecemento de actividades delituosas (tráfico de drogas) na provincia de Ourense.
O modus operandi desta organización criminal consistía en recoller a droga en portos, posteriormente almacenala e distribuíla polo territorio español, para esa distribución utilizaban vehículos con depósitos modificados (Caletas).
Esta Operación dá continuidade a unha desenvolvida o pasado 30 de maio desenvolvida en Asturias, onde se incautaran 6,5 quilogramos de cocaína, e detivéranse dúas persoas pertencentes á organización desarticulada o día 9 de setembro de 2026, tras a materialización dunha viaxe de aprovisionamento de substancias estupefacientes a outro grupo criminal que actuaba na comunidade de Asturias.
Tamén se relaciona a mesma organización criminal cun tiroteo en Toledo, en novembro do ano pasado, na que morreu un presunto narcotraficante e outros dous quedaron feridos.
A investigación permanece aínda aberta. Os detidos pasaron xa á disposición xudicial da maxistrada da Praza número 3 da Sección de Instrución do Tribunal de Instancia de Ourense, que decretou o seu ingreso en prisión provisional, comunicada e sen fianza.
Todos eles investigados por tráfico de drogas que causan grave dano á saúde en cantidade de notoria importancia e pertenza a organización delituosa. A maiores, un deles tamén está investigado por tenencia ílicita de armas.