A Xunta introducirá controis biométricos nos exames virtuais do alumnado non universitario
Os alumnos galegos poderán examinarse sen saír da casa, se teñen unha enfermidade grave., tal como anunciou o presidente da Xunta este martes no Parlamento
Rueda sostén que o PP ten "todo o dereito" a presentar unha moción de censura en Lugo para "endereitar a cidade" e Besteiro repróchalle a súa "falta de ética" por aproveitar o falecemento de tres edís para acceder á alcaldía: "Inmoralidade ou decencia, elixa"
Pontón acusa o presidente de "criminalizar os traballadores" de baixa médica, e Rueda, de vilipendiar o exconselleiro Villares e "mandar a tomar vento fresco" a súa presunción de inocencia
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou que a lei de educación dixital regulará os exames virtuais no ensino público non universitario, incluíndo sistemas biométricos para identificar o alumnado e "garantir os resultados".
"Esta é a educación do futuro, e por aí imos seguir tirando e isto garante que crezamos economicamente, que as cousas vaian mellor", reivindicou o titular do Goberno galego na sesión de control no pleno da Cámara galega, que se celebrou este martes, en lugar do mércores, debido á viaxe que Rueda ten previsto á China.
Deste xeito, o presidente da Xunta destacou que Galicia será "pioneira" ao incorporar esta medida ao ensino público non universitario.
Fontes da Administración autonómica precisaron que no caso das probas en liña con supervisión docente presencial (na aula, en aula hospitalaria ou no domicilio do alumno) serán os profesores os encargados de verificar a súa identidade.
Mentres, nas probas virtuais sen supervisión docente adoptaranse medidas específicas para garantir a autenticidade e a fiabilidade dos resultados obtidos.
Rueda defende a lexitimidade do PP para presentar unha moción de censura en Lugo, e Besteiro pídelle que escolla entre "inmoralidade e decencia"
Na sesión, o líder do PSdeG reprochoulle ao Partido Popular que pretenda aproveitar o falecemento de tres edís para presentar unha moción de censura en Lugo, unha cidade que leva o seu grupo gobernando desde hai 27 anos, "desde a decencia e con boas persoas" e pregúntalle ao presidente "que modelo ético defende: inmoralidade ou decencia".
Segundo José Ramón Gómez Besteiro, se a moción de censura prospera, será avalada polo PP "apoiándose nunha tránsfuga compañeira dos falecidos".
Rueda lembra que foi o PSdeG quen colocou na listaxe a esta edil e defende a lexitimidade do seu grupo a presentar a moción tras quedar "a poucos votos da maioría absoluta".
Afirma que "a inestabilidade en Lugo empezouna a persoa sentada á súa dereita" (Lara Méndez), ao deixar a alcaldía aos sete meses das eleccións e pregúntase por que eles non poden optar por esta vía en Lugo cando o grupo socialista a empregou para facerse coa alcaldía de Noia.
"Se o fan vostedes en Noia, está ben, e se o facemos nós en Lugo, hai que dicir todos estes disparates", aféalles. "O PP que quedou a poucos votos da maioria absoluta ten todo o dereito a tentar endereitar a cidade".
Rueda acusa a Pontón de "vilipendiar" a Alfonso Villares e a líder do Bloque aféalle ao presidente que "criminalice" os traballadores que collen unha baixa médica
Na sesión, a líder do Bloque acusou o presidente da Xunta de "criminalizar" e chamar "vagos e maleantes" aos traballadores que collen unha baixa médica e lembra que Galicia é a segunda comunidade de todo o Estado con menos baixas deste tpo, segundo a Airef. Ao seu xuízo, se o fai ´`e para "tapar a súa incompetencia política".
Alfonso Rueda afirma que Ana Pontón está "terxiversando" a realidade e insiste en que se debe "coidar" aos traballadores que están enfermos pero non aos que "poden cometer fraude".
O presidente aproveitou a súa intervención para recriminarlle a Ana Pontón o seu silencio despois de que a xustiza arquivara a causa aberta contra o exconselleiro Alfonso Villares por un presunto delito de agresión sexual. Rueda acusa á portavoz nacional do Bloque de "criminalizar, vilipendiar e "mandar a tomar vento fresco a súa presunción de inocencia" e compara esta actitude co "respecto" do BNG ante a causa aberta contra a muller do presidente do Goberno, Begoña Gómez por catro presuntos delitos".
Na sesión o presidente referiuse -sen nomeala- ata en dúas ocasións ao posible regreso á política galega da vicepresidenta Yolanda Díaz.
"Igual pronto ten sentada cerca a ministra de Traballo", díxolle a Pontón. E a Besteiro espétalle: "Coidado, que poden aparecer rivais femininas que deixeron que viñan a Galicia".
.