Violencia e actos vandálicos na manifestación contra o G7 en Xenebra
As forzas da orde lanzaron gases lacrimóxenos a grupos violentos que guindaron pedras á policía
Danaron varios establecementos, queimaron un local de coches eléctricos Tesla e varios vehículos
Decenas de miles de persoas participaron este domingo en Xenebra nunha manifestación contra o G7 na que se produciron diversos enfrontamentos coa policía e actos vandálicos
O cume do foro internacional, no que están os Estados Unidos, O Xapón, Alemaña, O Reino Unido, Francia, Italia e O Canadá, celébrase a partir deste luns na veciña localidade gala de Evian-les-Bains.
Esta foi a única protesta permitida nas proximidades da reunión de líderes dos países considerados como os máis poderosos, porque Francia non autorizou ningunha no seu territorio.
Todo o percorrido estaba fortemente custodiado polas forzas da orde para evitar que chegara ás rúas do centro, que nos últimos días se converteron nunha sucesión de vitrinas tapadas.
Na cidade persiste o recordo da violenta marcha contra o G8 (cando Rusia formaba parte do grupo) de 2003, que deixou cuantiosos danos materiais provocados por grupos extremadamente violentos.
A policía estima que participaron unhas 20.000 persoas, cifra que a organización eleva a 60.000. En todo caso, foi unha manifestación multitudinaria.
Manifestantes en Xenebra. REUTERS/Umit Bektas
Rostros ocultos
Mentres avanzaban, varios grupos de xente nova, que ocultaba o rostro con márcaras e panos, atacaron establecementos comerciais e mesmo arrincaron as pranchas de madeiras que os protexían.
Danaron tendas de marcas coñecidas, oficinas bancarias e un local de vehículos eléctricos Tesla, ao que prenderon lume. Tamén queimaron vehículos na rúa e guindaron pedras e outros obxectos ás forzas da orde.
Os momentos máis violentos producíronse cando estes grupos se dividiron e tentaron rachar sen éxito o cerco policial en varios puntos. Os axentes responderon con gases lacrimóxenos e potentes chorros de auga para dispersar os atacantes, segundo constatou EFE.
Nunha manifestación á parte, pero que rematou por fusionarse coa protesta antiG7, milleiros de persoas asistiron a unha marcha feminista polo día da muller en Suíza, que se celebrou nun ambiente festivo.