Rueda anuncia para o 2027 melloras sociais e rebaixas fiscais en vivenda
Os eixes dos vindeiros orzamentos para o presidente da Xunta son a vivenda, a dependencia e a atención primaria
Insta ás empresas a "preocuparse" pola saúde do seu persoal e a implicarse na solución do "problema" das baixas
De cara ás municipais, quere aumentar os edís en todas as cidades e que o PPdeG goberne as catro deputacións
Aprobado esta semana o teito de gasto no Parlamento de Galicia, o presidente da Xunta quere "seguir co plan de choque da dependencia", mellorar a atención primaria e ir "moi a fondo" coa política de vivenda nos vindeiros orzamentos.
Nunha entrevista con Europa Press, Alfonso Rueda amósase partidario de poñer en marcha algunha rebaixa fiscal para facilitar a compra de inmobles e continuar cos "estímulos" a promotores e cooperativas para favorecer a construción.
Ademais, quere afondar en materia de servizos sociais, coa vista posta na dependencia. Non en balde, no último debate autonómico de política xeral comprometeu a extensión do Bono Coidado no Fogar a 10.000 persoas no que resta de lexislatura.
Como terceira pata relevante, cita o plan de reforma da atención primaria, do que xa se coñecen algunhas propostas que o Sergas puxo sobre a mesa, como o aumento de prazas de enfermería ou a incorporación de novas categoríasaos centros de saúde como os podólogos.
As novas medidas avanzaranse cando toque "por respecto á negociación", pero Rueda confesa que está "moi esperanzado" con este proxecto que vai levar "máis recursos" públicos e suporá "un esforzo económico" relevante para a comunidade.
"Pero non só iso, tamén é un esforzo de organización, de cambio da cultura asistencial".
EUROPA PRESS/César Arxina
Deberes electorais
Con "moi poucas esperanzas" de que poida frutificar un acordo sobre financiamento autonómico a nivel estatal, ratifica que a súa "idea" é enviar a futura lei de administración local ao Parlamento no mes de setembro, para o seu debate e aprobación.
Segundo o mandatario, a normativa inclúe novidades "importantes" e "garante un mínimo sempre no fondo de Cooperación Local".
Ademais, considera "bo" manter a opción de que a Xunta poida forzar unha fusión de municipios se algún "se volve absolutamente inxestionable", pero recalca que a aposta do seu Goberno é promover só as unións "voluntarias".
Respecto ás vindeiras eleccións municipais de 2027, manifesta querer gobernar nas catro deputacións. Agora mesmo, o PPdeG ten as de Ourense e Pontevedra.
Recoñece que "vai ser moi difícil" lograr facerse co bastón de mando nas sete urbes pero, "desde logo, algunha máis das que temos si", subliña. En calquera caso, a súa meta é "mellorar o número de concelleiros, en todas".
EUROPA PRESS/César Arxina
Baixas e saúde laboral
Respecto ao plan contra o absentismo da Xunta, aínda pendente de presentación, Rueda insiste na existencia da "fraude" en baixas laborais.
"Que son a inmensa maioría? Non, para nada. Ao contrario. Son unha parte do problema, nin sequera son a causa principal. E hai outros que recoñecemos, como a lentitude en solicitar probas a traballadores que entran nunha baixa", apuntou.
En todo caso, recalca que hai áreas nas que a Xunta actuou ao observar que había "un número moi significativo de baixas por riba da media doutras zonas".
"E o que podo dicir é que nas zonas onde se daba unha disfunción, despois das actuacións chegou a haber ata un 40% de altas. Deixo aí ese dato", dixo.
Pero tamén apunta ás empresas, ás que insta a "implicarse na solución", unha vez "aceptado" que hai "un problema". Para o presidente, "non poden pretender" que "só as administracións" arranxen a cuestión porque "entón non funcionará".
"Teñen que preocuparse da saúde laboral dos seus traballadores (...) E saúde non é só física, tamén a saúde mental. E claro que poden facer cousas. Só a Xunta non o vai a solucionar".
Aínda pensa que o de Altri era "un bo proxecto"
No eido económico, Rueda aínda pensa que a pasteira de Altri en Palas de Rei era "un bo proxecto" para unha zona de Lugo que podería terse "beneficiado preservando o medio ambiente".
Achaca ao Goberno facelo "imposible" ao "deixalo sen acceso a ningún tipo de axuda europea" e "sen conexión eléctrica".
"Deixou unha zona da provincia de Lugo sen conexión eléctrica. Espero que non teñamos que arrepentirnos se vén algunha outra instalación que necesita potencia nesa zona", advertiu.
O mandatario autonómico amósase moi satisfeito cos plans de SAIC en Galicia, pero prudente sobre se haberá algún tipo de efecto chamada para outros investimentos chineses.
"Non sei como funcionan estas cousas na China, pero o boca a boca, se o facemos ben, desde logo non vai ser negativo", limitouse a manifestar.
AP-9 e ano Xacobeo
Noutra orde de asuntos, tras afirmar esta semana que a obriga da Xunta é sentarse a negociar a transferencia da AP-9, dá por feito que o seu xefe de filas, Alberto Núñez Feijóo, facilitará a súa demanda se goberna en España.
Iso si, co transfondo de que a Comisión Europea declarou ilegal a prórroga aprobada polo Goberno estatal, con José María Aznar de presidente, reitera o seu rexeitamento á lei pactada por PSOE, BNG e Sumar.
"Non garante un traspaso financiado".
E ás portas do Ano Santo, afirma ter "boas" sensacións sobre unha posible visita a Galicia do papa León XIV, pero prefire ser "conservador" ata que non haxa confirmación.
En canto aos concertos, tamén apela á prudencia, pero considera que "no Xacobeo ten que haber un par de actuacións que se lembren moitísimo tempo".
Iso si, aposta por descentralizar eventos e, máis ca unha cifra histórica de visitantes, desexaría unha presenza "ao longo de todo o ano". O obxectivo,s egundo Rueda, é que "todo o mundo mire" a unha Galicia "de moda" en 2027.