Publicador de contidos

Publicador de contidos

Irán ameaza con responder o ataque israelí en Beirut e rachar o diálogo cos EUA

Irán ameaza con responder o ataque israelí en Beirut e rachar o diálogo cos EUA

Tres persoas morreron nun bombardeo hebreo contra o Dahye, considerado bastión de Hebollah

Trump considera que "non debeu ocorrer" cando están a piques de asinar un acordo con Irán

 

Lugar do bombardeo no Dahye. REUTERS/Zohra Bensemra, Lugar do bombardeo no Dahye. REUTERS/Zohra Bensemra,
G24.gal 14/06/2026 13:37 Última actualización 14/06/2026 18:16

Tres persoas morreron, e outras seis quedaron feridas, nun ataque israelí contra os suburbios ao sur de Beirut, coñecidos como o Dahye, no medio das negociacións entre os EUA e Irán para poñer fin á guerra.

Tras o bombardeo aéreo, rexistrado no municipio de Al Ghobeiry, Teherán ameazou con romper o diálogo se Washigton non cumpre cos seus compromisos no Líbano e asegurou que haberá resposta.

“Sen dúbida estes crimes non quedarán sen resposta”, dixo o subcomandante iraniano Sardar Asadi, en declaracións recollidas polos medios locais.

Donald Trump non tardou en contestar na súa rede Truth Social e dixo que "non debeu ocorrer" nun momento no que están a piques de asinar un pacto. 

"O ataque desta mañá contra Beirut non debería ocorrer, sobre todo nun día tan especial no que estamos tan preto de alcanzar un acordo de paz. Israel ten dereito a defenderse das ameazas, pero o ataque ao que respondía foi moi leve e insignificante; ninguén resultou ferido nin morreu", escribiu.

A Defensa Civil libanesa informou das vítimas e a Axencia Nacional de Noticias (ANN) confirmou "importantes danos en edificios e comercios próximos".

O propio Exército israelí deu conta do ataque de supostos "obxectivos terroristas" de Hezbollah nos suburbios do Dahye nun comunicado difundido este domingo.

"De conformidade coa directiva do primeiro ministro, Benjamin Netanyahu, e do ministro de Defensa, Israel Katz, as Forzas de Defensa de Israel (FDI) atacaron obxectivos terroristas da organización Hezbollah nos suburbios do Dahye, en Beirut, en resposta aos disparos de Hezbollah contra territorio israelí", sinala a nota.

Soldados libaneses ao sur de Beirut. REUTERS/Zohra Bensemra Soldados libaneses ao sur de Beirut. REUTERS/Zohra Bensemra

Bastión do grupo xiíta

O bombardeo deste núcleo, considerado bastión do grupo xiíta, prodúcese despois de que as tropas xudías notificaran o impacto de tres proxectís lanzados dende o Líbano en comunidades israelitas fronteirizas.

O lume cruzado ten lugar en paralelo á chegada dunha delegación de Qatar á capital iraniana para impulsar a sinatura dun memorando entre Irán e os EUA que semella inminente.

Qatar é, xunto con Paquistán, un dos mediadores entre ambas as dúas potencias para lograr un acordo que, polo momento, non se sabe se vai incluír o cesamento dos ataques hebreos contra o Líbano.

Xente pola rúa na capital iraniana. Majid Asgaripour/WANA vía REUTERS Xente pola rúa na capital iraniana. Majid Asgaripour/WANA vía REUTERS

"Imposible" seguir adiante

Tras o ataque israelí, o negociador xefe iraniano nas conversas de paz, Mohamad Baqer Qalibaf, afirmou que é "imposible falar de seguir adiante" cos Estados Unidos se non cumpre os seus compromisos no Líbano.

“Se careces da vontade ou a capacidade para cumprir os teus compromisos, é imposible falar de seguir adiante”, dixo en X.

O tamén presidente do Parlamento persa dixo que Washington "non pode obter concesións dando luz verde" a Tel Aviv.

"A táctica do policía bo, policía malo quedou obsoleta", subliñou.

Ataques israelís no sur do Líbano. REUTERS. Ataques israelís no sur do Líbano. REUTERS.

Resposta de Irán

A última vez que Teherán atacou o Dahye hai unha semana, Irán reaccionou con tres vagas de mísiles contra Israel que tiveron a súa resposta en territorio persa.

O réxime dos aiatolás xa anticipara que tomaría represalias se continuaban as agresións no Líbano, ao considera que o cesamento do fogo que alcanzou cos EUA o 8 de abril inclúe a nación árabe.

O devandito intercambio de lume, que se produciu o luns 8 de xuño, acabou grazas á mediación de Donald Trump, que impulsa un acordo de paz con Irán aínda no aire.

Nas súas redes, o magnate republicano anunciou a rúbrica para este domingo, pero Irán insiste en que será "nos próximos días".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade