Publicador de contidos

Publicador de contidos

O chavismo e a oposición inician o diálogo para avanzar cara á transición

O chavismo e a oposición inician o diálogo para avanzar cara á transición

Nunha conversa telefónica acordaron tratar o fortalecemento da democracia e a atención ás vítimas dos sismos

Nas negociacións, promovidas polos EUA, non participan nin María Corina Machado nin Edmundo González

O primeiro encontro presencial entre ambas as dúas partes terá lugar en Caracas a vindeira semana

Delcy Rodríguez co secretario de Enerxía dos EUA. Pazo de Miraflores vía REUTERS Delcy Rodríguez co secretario de Enerxía dos EUA. Pazo de Miraflores vía REUTERS
G24.gal 02/08/2026 08:22 Última actualización 02/08/2026 09:48

A negociación entre o Goberno e a oposición para avanzar cara a unha transición en Venezuela comezou este sábado co compromiso de abordar "os dereitos e garantías políticas" no país suramericano.

O proceso, impulsado polos Estados Unidos, botou a andar cunha chamada telefónica entre o presidente do Parlamento e irmán da mandataria encargada, Jorge Rodríguez, e a ex-deputada Dinorah Figuera.

Durante a conversa, tamén acordaron poñer enriba da mesa o "fortalecemento" da democracia e a atención ás vítimas dos devastadores sismos de xuño, que deixou máis de 5.500 persoas mortas, 16.740 feridas e preto de 18.000 sen vivenda.

Ambas as dúas partes anunciaron a celebración da primeira xuntanza presencial "a vindeira semana" en Caracas, sen precisar nin o día nin o lugar exacto. Tampouco aportaron datos concretos sobre os temas que se van discutir.

Simpatizante chavista cunha imaxe de Hugo Chávez. REUTERS/Gaby Oraa Simpatizante chavista cunha imaxe de Hugo Chávez. REUTERS/Gaby Oraa

Obxectivos

O irmán de Delcy Rodríguez explicou nun comunicado que se trata dun proceso "inclusivo e efectivo" con "metas claras e verificables" que ten como obxectivos beneficiar o pobo venezolano e "axuntar esforzos na atención das vítimas do dobrete sísmico".

Pola súa banda, Figuera, cabeza doutros exlexisladores que defenden a vixencia da Asemblea Nacional (AN) elixida en 2015 e que estivo controlada pola oposición, aseverou que o diálogo ten como fin a "transición democrática" e "a atención ás vítimas" dos tremores.

A opositora agradeceulle aos EUA e ao secretario de Estado, Marco Rubio, "o acompañamento" para lograr unha transición no país e asegurou que o comezo do diálogo "marca un novo capítulo na loita por construír un futuro digno para todos os venezolanos".

Unha pancarta coa imaxe de Machado. REUTERS/Leonardo Fernández Viloria Unha pancarta coa imaxe de Machado. REUTERS/Leonardo Fernández Viloria

As delegacións

O Goberno de Delcy Rodríguez estará representado pola ministra de Educación Universitaria, Ana María Sanjuán; o primeiro vicepresidente do Parlamento, Pedro Infante; e os deputados América Pérez, Génesis Garvett e Jorge Arreaza, alén de Jorge Rodríguez, quen a preside.

Da outra banda da mesa estarán Figuera e os tamén ex-deputados opositores Marco Aurelio Quiñones, Ramón López, Jorge Millán, Juan Miguel Matheus e Sergio Vergara.

Figuera tamén anunciou unha comisión de apoio integrada polos exparlamentarios Macario González, Desiree Barboza, Julio César Moreno e Elimar Díaz.

O diálogo comeza dous meses despois de que o sector maioritario da oposición e os seus líderes, María Corina Machado e Edmundo González, propuxeran unha negociación "seria" co Goberno para "restaurar a democracia" a través dunha elección presidencial "libre, transparente e soberana".

Con todo, a pasada fin de semana a premio Nobel da paz asegurou nun comunicado, asinado con González, que non participou no seu "deseño, construción e funcionamento".

Edificios destruídos en Caraballeda, La Guaira. REUTERS/Gaby Oraa Edificios destruídos en Caraballeda, La Guaira. REUTERS/Gaby Oraa

Protestas

Nas horas previas aos anuncios, houbo varias protestas de diferentes sectores en Caracas, entre eles sindicalistas e traballadores que esixiron un diálogo público.

Tamén un grupo de familiares de presos políticos pediu preto da embaixada estadounidense que se inclúa a liberación dos seus parentes na axenda de negociación.

Do mesmo xeito, decenas de chavistas convocados pola Fronte Popular Antiimperialista denunciaron unha "inxerencia" de Washington no proceso de diálogo.

Consideran que se trata dun "proceso de transición maquiavélicamente ideado polo imperialismo para acabar" co legado do falecido presidente Hugo Chávez e poñer a "personalidades monicreques do Goberno dos EUA" para convocar logo unhas "inconstitucionais eleccións".

Este sábado, o presidente dos EUA, Donald Trump, compartiu na súa rede, Truth Social, un mapa de Venezuela no que o país caribeño aparece pintado coa bandeira estadounidense e coa lenda "Estado 51".

Non é a primeira vez que o mandatario xoga coa idea da anexión de Venezuela desde que o pasado xaneiro as forzas estadounidenses capturaran a Nicolás Maduro en Caracas.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade