Publicador de contidos

Publicador de contidos

Dúas familias reclaman 14 anos despois a primitiva premiada con 4,7 millóns na Coruña

Dúas familias reclaman 14 anos despois a primitiva premiada con 4,7 millóns na Coruña

No banco sentan o loteiro do despacho de San Agustín e o seu irmán, que se enfrontan a seis anos de prisión

Nas cuestións previas houbo varias peticións de suspensión do procedemento

G24.gal 13/04/2026 14:33

Dúas familias reclaman a Primitiva premiada con 4,7 millóns de euros que un loteiro da Coruña asegurou atopar na súa administración en xullo de 2012.

A primeira sesión do xuízo celebrouse este luns na sección segunda da Audiencia Provincial da Coruña, onde se sentaron no banco dos acusados o loteiro, Manuel Reija, e o seu irmán Miguel, que no momento do sorteo era delegado provincial de Loterías.

Dúas acusacións reclaman a titularidade do boleto

Hai dúas acusacións particulares que reclaman a titularidade do boleto, unha é a de Manuel Ferreiro, xa falecido, que reclamou o premio antes de que se fixese público o expediente de achado, e a outra é a da familia de José Luis Alonso, que tamén morreu e a quen a Fiscalía e a Policía consideran o lexítimo propietario.

Manuel Reija, o loteiro do despacho de San Agustín acusado de apropiarse do boleto, chegaba á Audiencia Provincial da Coruña contra as dez da mañá. Minutos antes facía o mesmo o seu irmán Miguel. Ambos os dous declinaron facer declaracións.

A acusación pública non presentou cuestións previas. Si as particulares que defenden a familia do home xa falecido, que, no seu día, tanto a fiscalía como a policía sinalaban como o lexítimo propietario do boleto da Primitiva millonaria.

Solicitaron a exclusión da outra acusación particular que está presentada na causa ou que non poida facer preguntas ao longo do xuízo, alegando que existen dous relatos dos feitos contraditorios e excluíntes entre si. 

Tanto o avogado de Manuel Reija, Jesús Ángel Sánchez, como o de Miguel, Joaquín Burkhalter, sinalaron que os dous escritos de acusación son "absolutamente excluíntes", pois conteñen dúas versións diferentes.

"Para que exista estafa ten que haber un lexítimo estafado"

A defensa do loteiro, que propuxo a nulidade do procedemento aínda que a maxistrada o rexeitou, indicou que "para que exista estafa teñen que haber un lexítimo estafado", pero "en ningún caso está acreditada a titularidade do título ao portador".

Tamén pediu que non se tivesen en conta os datos da máquina da administración, que revelan cando se comprobaron os boletos, pero isto tampouco foi admitido.

O avogado do exdelegado de Loterías expuxo que hai "unha absoluta inconcreción da participación" do seu patrocinado, pois "non se describe ningunha actuación" que poida ser compatible co delito de branqueo de capitais ou ben encubrimento que se lle atribúe.

Explicaron que en decembro de 2021 se fixara un relato dos feitos probados en que se deixaba constancia dun feitos nos que se reflicte que o 2 de xullo de 2012 o suposto lexítimo propietario do billete o foi comprobar e alí se produciu a súa subtracción.

Tras valorar todo o exposto, o tribunal rexeitou todas as peticións anteriores, polo que son dúas as familias que reclaman o boleto premiado.

A vista oral continúa mañá coa declaración de dez das trinta e dúas testemuñas que axudarán a verter claridade neste caso.  Porén haberá que agardar ata o próximo luns, 20 de abril, para escoitar a versión dos dous acusados, que sempre defenderon que eran inocentes.

O loteiro Manuel Reija enfróntase a unha pena de seis anos de cadea por un delito de estafa ou alternativamente por apropiación indebida. E para o seu irmán, Miguel Reija, piden a mesma condena por un delito de branqueo de capitais ou por encubrimento.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade