Publicador de contidos

Publicador de contidos

Comeza o xuízo contra o administrador de lotería acusado de apropiarse dun boleto millonario na Coruña

Comeza o xuízo contra o administrador de lotería acusado de apropiarse dun boleto millonario na Coruña

Hai 14 anos que se selou o boleto premiado con 4,7 millóns de euros

Manuel Reija, responsable da Administración de San Agustín, na Coruña (TVG)
G24.gal 10/04/2026 13:24

Este luns comeza na sección segunda da Audiencia Provincial da Coruña o xuízo contra Manuel Reija, acusado de apropiarse dun boleto da Primitiva premiado con 5 millóns de euros en 2012, e o seu irmán Miguel Reija, que entón era delegado provincial de Loterías.

A Fiscalía considera a Manuel responsable dun suposto delito de estafa ou de apropiación indebida e pide para el 6 anos de prisión. Solicita outros 6 para o seu irmán, ao que acusa dun suposto delito de branqueo de capitais ou de encubrimento, penado con tres anos de prisión.

No caso de que o tribunal considere que incorreu nun delito de branqueo, pide que se lle impoña unha multa de 9,4 millóns, o dobre do valor do premio.

O Ministerio Público tamén reclama no seu escrito que se entregue o boleto premiado aos herdeiros do home, falecido en 2014.

O boleto da discordia

Os presuntos delitos remóntanse ao 26 de xuño de 2012, día en que se selou o boleto da discordia na administración de loterías situada nun centro comercial da Coruña. Sete días despois o apostante acode a comprobar a primitiva noutro punto, no despacho de San Agustín que rexenta o procesado.

"Coñecedor do alto importe do premio ao tratarse de primeira categoría, quedou con el para si, xunto cos demais boletos, e non comunicou ao apostante o devandito extremo nin tampouco lle devolveu o resgardo nin o comprobante expedido polo terminal, convencendo así ao propietario de que non obtivera premio ningún", relata a Fiscalía.

"Xa co boleto no seu poder e completamente seguro do alto valor que tiña, ese mesmo día acudiu á delegación provincial de loterías e apostas do Estado da Coruña rexentada polo seu irmán, tamén acusado, coa finalidade de acelerar os trámites da cobranza do resgardo prescindindo de calquera procedemento regrado e coma se fose lexítimo posuidor".

Este era, segundo a Fiscalía, plenamente consciente da ilexitimidade da posesión deste título por parte do seu irmán, pero dispúxose a achandar o camiño e lonxe de calquera procedemento regrado realizou actos tendentes a disfrazar a verdadeira orixe do boleto para os efectos de que puidese facer efectivo o premio.

Ao día seguinte, presentou un escrito en que comunicaba que atopara un boleto e, inmediatamente, aproveitando o trato próximo e amigable que tiña por razón do seu cargo con membros da Sociedade Estatal de Apostas e Loterías do Estado, púxose en contacto con algúns deles manifestando que o seu irmán atopara o billete e intentando acelerar ao máximo os trámites indispensables para que se fixese efectivo o importe do premio.

No caso de que a familia do lexítimo propietario do boleto non poida cobrar o premio, o Ministerio Público pide que sexan os dous acusados quen lle aboe os 4,72 millóns.

En calquera dos dous casos, solicita que sexan o administrador de loterías e o seu irmán os que paguen conxunta e solidariamente os intereses aplicables desde o día do sorteo, hai agora 13 anos.

O boleto permanece depositado na Sociedade Estatal de Loterías e Apostas do Estado.

O xuízo, que arrinca hoxe, está previsto que continúe ata o vindeiro luns, 20 de abril.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade