Publicador de contidos

Publicador de contidos

Un exempregado de banca acepta 23 anos de cadea por tentar matar e roubar unha clienta en Xermade

Un exempregado de banca acepta 23 anos de cadea por tentar matar e roubar unha clienta en Xermade

Pediu perdón "á señora María e a súa familia"

Recoñeceu que quixo matar a vítima para apoderarse do seu móbil, que usou para roubarlle 20.000 euros

A muller é gran dependente desde o ataque

O autor recoñeceu os feitos
Félix Aragunde 10/04/2026 13:47 Última actualización 10/04/2026 16:59

O exempregado de banca acusado do intento de asasinato, roubo con violencia e estafa dunha muller de 61 anos en Xermade recoñeceu este venres na Audiencia Provincial a súa culpabilidade e aceptou unha condena de 23 anos de prisión, cinco máis dos que se pedían ao inicio do xuízo.

Ademais, Luis Rancaño Bouso, pediu perdón á familia e á vítima, explicando que era consumidor de pastillas no momento dos feitos.

As partes chegaron a un acordo sobre a autoría e a responsabilidade penal, pero si se celebrou o xuízo para dirimir a responsabilidade civil e as indemnizacións. No primeiro caso compareceu tamén como acusada a entidade Abanca, á que se reprocha manter no seu posto de traballo a este home cando xa tiña un expediente disciplinario, o que lle permitiu acceso aos datos persoais e económicos da vítima.

No caso da indemnización, a Fiscalía solicita medio millón de euros para a vítima fronte a máis dun millón e medio que reclama a acusación particular.

O incremento da pena débese a que antes da vista a fiscal modificou a acusación, que en principio era de intento de homicidio con 10 anos de petición de pena, a intento de asasinato e 15 anos. Ademais, súmanse os cinco por roubo con violencia e os tres por estafa.

A pesar do cambio, o acusado, que está en prisión provisional comunicada e sen fianza desde o mes de abril de 2022, aceptou o aumento do acordo e dirixiuse á sala asegurando estar "arrepentido" do sucedido e pediu perdón "á señora María e á súa familia".

Ademais, asegurou que "non quería que lle pasase nada disto" e recoñeceu ter "destrozado a súa familia sen querer e sen vontade propia", responsabilizando do sucedido a unha dependencia no consumo de pastillas. Tamén explicou no seu alegato final que "está mal psicoloxicamente por isto" e desexou á vítima "que se recupere pronto" e á súa familia "que o desculpe".

Nada máis se engadiu na vista sobre os feitos, que recoñeceu o propio autor e que se remontan ao 5 de febreiro de 2022, cando a muller, de 61 anos de idade, foi atopada gravemente ferida na súa vivenda de Candamil, en Xermade.

O home acudiu ao domicilio da vítima coa intención de subtraerlle o móbil para ter acceso á aplicación da banca electrónica.

Para poder facerse con el, propinoulle un golpe "brutal" na cabeza e co aparello no seu poder deuse á fuga. O home, que traballaba en Abanca, coñecía o estado das contas da muller por medio de varias consultas en días previos, polo que levou a cabo o ataque cando tivo constatación de que había saldo dispoñible.

O home chegou a Candamil unha hora antes do ataque para vixiar o lugar e realizou transaccións desde a conta da muller ata a súa o mesmo día dos feitos e en días posteriores, por unha cantidade que roldaría os 20.000 euros.

Como consecuencia das lesións, a vítima foi ingresada na UCI do Hospital Lucus Augusti. Desde entón, o seu estado derivou nunha gran dependencia: desprázase en cadeira de rodas e reside nun centro sociosanitario.

Ademais da pena de prisión, aceptou tamén unha orde de afastamento da vítima e outra de liberdade vixiada.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade