Un morto e 27 feridos ao caer un bus turístico por un terraplén na Gomera
Entre os feridos hai catro de gravidade
Investigan un fallo nos freos como orixe do accidente
Unha persoa morreu e outras 27 quedaron feridas, catro delas graves, ao precipitarse un autobús turístico por un terraplén nunha estrada da Gomera, nas Canarias. A Garda Civil baralla un fallo no sistema de freado como principal hipótese do accidente do autobús no que viaxaban turistas británicos.
A hipótese do posible fallo dos freos avanzouna o director insular da Administración Xeral do Estado, Juan Luis Navarro, quen relatou que o condutor "intentou loitar" desde que detectou a avaría nos freos pero finalmente o vehículo caeu ladeira abaixo na GM-2, á altura do Revolcadero.
"Afortunadamente parouse antes de saír despedido porque se non puido ser moitísimo máis grave", sinalou.
Á parte do home falecido hai outros dous de 73 e 42 anos, respectivamente, con politraumatismos de carácter grave e que foron derivados en helicóptero ao Hospital da Candelaria. Os outros 25 feridos foron derivados ao hospital Virxe de Guadalupe da Gomera, dous deles de carácter grave.
Nos labores de rescate mobilizáronse numerosos medios, entre eles tres helicópteros. O Cabildo xa restableceu a circulación da estrada GM-2 e pide manter a máxima precaución durante toda a tarde xa que o persoal especializado continuará realizando labores de mantemento e seguridade na zona afectada.
A Gomera, cunha superficie de pouco máis 360 quilómetros cadrados, ten unha escarpada orografía de gran riqueza natural, na que destaca o bosque milenario do Parque Nacional de Garajonay.
Hai aproximadamente un ano, o 13 de maio de 2025, tamén unha muller de 73 anos faleceu e outras once persoas resultaron feridas ao envorcar un autobús na estrada GM-2, en San Sebastián de la Gomera, preto do lugar deste accidente.