A Coruña despide a temporada do ascenso cunha gran festa deportivista
Poderán seguir o partido entre o Deportivo e As Palmas e a celebración posterior na Televisión de Galicia
Hai festa deportivista en cada recuncho da cidade, algunhas especialmente multitudinarias, como a que convocou centos de persoas na rúa San Xoán, un clásico do vermú dominical transformado en celebración branquiazul.
Ás once e media da mañá prenderon as brasas para despedir oito anos de ausencia en primeira que se fixeron eternos.
A de hoxe é a continuación dunha celebración que xa comezou a semana pasada, tras a vitoria de Deportivo en Valladolid. Unha festa duplicada e sen sufrimento previo.
"Nestes últimos oito anos é o primeiro partido ao que podemos ir tranquilos e a gozar. Xa ves que comezamos a festa ben cedo".
Xa é festa desde a mañá, xa sabemos que imos ascender e estamos moi contentos ".
"Son días de goce, todos temos a sensación de que o mereciamos", comentaban algúns siareiros na rúa San Xoán.
Na Fan Zone instalada na explanada de Riazor tamén comezaron cedo con actividades para os nenos e música que continúa arestora.
Á noite, a celebración polo ascenso trasladarase a Catro Camiños, onde esta mañá deixaban todo listo para recibir os afeccionados e os xogadores, que chegarán nun autobús descapotable.
Poderán velo todo, o partido e a festa, a partir das seis da tarde na programación especial que ten preparada a Televisión de Galicia