Semana tráxica nas estradas galegas, con cinco mortos
Preocupa a sinistralidade porque Galicia é a segunda comunidade española onde máis subiu a cifra de mortos
Aínda que a cifra de mortos nas estradas galegas ten unha clara tendencia á baixa nos últimos vinte anos, é para inquietarse que sexamos a segunda comunidade despois de Castela e León onde máis medren as vítimas mortais no último ano.
No que vai de 2026, 33 persoas morreron en accidentes de tráfico. Especialmente tráxica esta última semana. Cinco falecidos.
O venres da semana pasada, un motorista de 44 anos morría ao bater o seu vehículo contra un coche no concello coruñés de San Sadurniño.
Ao día seguinte un veciño de Vilanova de 79 anos era atropelado de noite por un vehículo que fuxiu.
A Garda Civil mantén aberta a investigación e xa ten un sospeitoso identificado, aínda que non se realizou ningunha detención.
O domingo a traxedia sacudiu de novo a provincia de Pontevedra. Un coche levaba por diante a unha muller de 37 anos en Sanxenxo que circulaba pola beirarrúa coa súa filla menor en brazos. Ela perdía a vida e a pequena resultou ferida. O condutor, que deu negativo en alcol e drogas, deu un golpe de volante para evitar chocar contra outro vehículo parado nun paso de peóns atropelando á vítima.
O pasado mércores en Láncara rexistrouse outro accidente mortal no que faleceu o condutor de 62 anos ao envorcar o seu vehículo.
O xoves unha muller faleceu e un ferido quedou grave na colisión frontal entre dous vehículos na estrada que une Ribadavia e Cea. A vítima mortal, de 62 anos, era veciña desta última localidade.
Esa mesma mañá rexistrouse outro sinistro á entrada de Melide, afortunadamente sen vítimas mortais. Implicados dous camións e un turismo. O condutor dun dos vehículos de grande tonelaxe tivo que ser evacuado en helicóptero.