Publicador de contidos

Publicador de contidos

Prisión para un profesor dun colexio privado de Santiago tras unha denuncia por agresión sexual

Prisión para un profesor dun colexio privado de Santiago tras unha denuncia por agresión sexual

A policía iniciou unha investigación e a dirección do centro despediu este docente

O delegado do Goberno di que o asunto está baixo segredo de sumario

A Policía iniciou unha investigación e o home está xa en prisión provisional (Europa Press-Arquivo) A Policía iniciou unha investigación e o home está xa en prisión provisional (Europa Press-Arquivo)
G24.gal 29/05/2026 15:29

Un profesor dun colexio privado de Santiago de Compostela foi detido tras unha denuncia por suposta agresión sexual a unha alumna de Primaria do centro educativo.

A partir da denuncia, a policía iniciou unha investigación e a dirección do centro despediu este docente, que foi detido e actualmente atópase en prisión provisional.

O centro remitiu unha circular informativa ás familias dos cursos de Primaria do colexio no que facía referencia ao despedimento dun traballador e sinalaba a total colaboración da dirección escolar coas autoridades.

No texto enviado ás familias, a dirección mostra a súa disposición para actuar coa "máxima transparencia” aínda que tamén apela á “prudencia” ante un caso enmarcado en “delicadas circunstancias”.

O obxectivo do colexio é “protexer a intimidade, a dignidade e o benestar dos menores e das súas familias”, así como “non interferir na investigación e para respectar o segredo de sumario decretado polo xulgado”, explica o comunicado.

De feito no centro escolar está a recibirse asesoramento especializado para "acompañar adecuadamente as familias e alumnos", segundo esta circular, que conclúe cun agradecemento á "comprensión, colaboración e responsabilidade" de toda a comunidade educativa. 

Segredo de sumario

O delegado do Goberno, Pedro Blanco, foi preguntado sobre este asunto nun acto na capital galega, no que apuntou que "hai segredo de sumario e estase investigando", polo que rexeitou entrar en detalles do caso e chamou a deixar traballar aos corpos e forzas de seguridade do Estado para que "se esclarezan os feitos".

Sobre este asunto, o conselleiro de Educación, Román Rodríguez, transmitiu "todo o apoio que se poida dar ás nenas" afectadas e "ás súas familias". Apelou a deixar á Policía facer o seu traballo, dado que hai unha investigación en marcha, e esgrimiu que, de confirmarse os feitos, a conduta sería "absolutamente despreciable".

 

 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade