A escaseza de chuvias ameaza con prolongar a seca ata o outono
Os niveis dos encoros e dos ríos obrigan xa a limitar a auga en preto de 250 concellos galegos
Galicia rexistrou a primavera climatolóxica máis seca desde o ano 1990
As treboadas de maio compensaron algo a balanza, pero non foi suficiente
Os niveis dos encoros e dos ríos galegos obrigan xa a limitar a auga en preto de 250 concellos da comunidade.
Á espera do anunciado cambio de tempo para os próximos días, a escaseza de chuvias ameaza con prolongar a seca. É a consecuencia dun ano que no metereolóxico está sendo anómalo en Galicia.
En xaneiro choveu un 98% máis do habitual. Unha sucesión de borrascas deixou marcas históricas de precipitacións. Pero todo cambiou a partir de febreiro.
"Desde o 19 de frebreiro ata hoxe as cantidades de chuvia son realmente cativas, aproximadamente a cuarta parte das que se rexistran un ano normal" explica o catedrático de Astronomía da USC José Ángel Docobo.
De feito, Galicia rexistrou a primavera climatolóxica máis seca desde o ano 1990. As treboadas de maio compensaron algo a balanza, pero non foi suficiente.
"Galicia non ten acuíferos profundos que se recargan coa chuvia e despois van soltando auga. Estamos nunha situación de seca, pero non crítica, que é cando os encoros quedan ao 40%. Aquí aínda están ao 68%", di o xeólogo Manuel Regueiro.
Por iso, de momento, non se chega a falar de situación crítica. Regueiro di que "hai reservas suficientes, e estamos moito mellor que o resto de comunidades". Docobo apunta que secas dun mes son habituais en Galicia, pero acumular seis meses de déficit hídrico non é tan normal".
Todo dependerá do que pase a partir de agora. Se segue sen chover, a seca ameaza con prolongarse ata o outono.