O acusado dun tiroteo en Lugo: "Quere arruinarme a vida porque o denunciei por agresión sexual á miña filla"
O acusado dun tiroteo en Lugo: "Quere arruinarme a vida porque o denunciei por agresión sexual á miña filla"
A Fiscalía solicitou nove anos e seis meses de cadea para o acusado de intentar matar a tiros un veciño da capital lucense, de ameazalo a través dun vídeo en TikTok e de usar unha pistola sen licenza de armas
Na derradeira xornada do xuízo por intento de homicidio celebrado na Audiencia Provincial de Lugo, as partes ratificáronse nas súas peticións iniciais. Na lectura das conclusións, a Fiscalía solicitou nove anos e seis meses de cadea para o home acusado de intentar matar a tiros un veciño da capital lucense, de ameazalo a través dun vídeo en TikTok e de usar unha pistola sen licenza de armas.
"Sobre todo houbo unha proba fundamental, que foi a proxección do vídeo achegado polas acusacións, onde recoñecía os feitos e dicía que os ía volver cometer. Que tivese coidado a xente que estaba arredor porque non lle puidese caer unha bala tamén", salienta Víctor Bouzas, avogado da acusación particular.
"O importante é a valoración da proba, sobre todo a videográfica, que non ten ningún tipo de soporte técnico. Pola nosa parte, pedimos que non se teña en conta posto que esa proba, posto ten que ter un cotexo que o sitúe nas datas que eles acreditan que foi lanzado ese vídeo", sinala Francisco José Pérez González, avogado da defensa.
A acusación particular continúa pedindo ata doce anos de condena. Pola súa parte, a defensa insistiu en solicitar a libre absolución do acusado, que achacou a denuncia a vellas desavinzas.
"Baixo o noso punto de vista, hai un ánimo espurio por parte do denunciante, que acusa o meu cliente posto que el o demandara por uns supostos abusos sexuais á súa filla. No momento que interpón a denuncia, á súa vez el presenta unha denuncia contra o acusado, dicindo que foi autor dos feitos. Pero baixo o noso punto de vista, o que ten é simplemente un ánimo de vinganza", afirma o letrado defensor.
"Ampárase case sempre no que é unha denuncia presentada polo acusado por uns abusos sexuais a unha das fillas. Denuncia que, tras seren practicadas as dilixencias policiais e xudiciais, foi arquivada no xulgado de instrución número 2 de Vilalba", lembra a acusación particular.
Sobre as supostas ameazas, o acusado sinalou que só existía a intención de asustar a vítima dos feitos sometidos a un xuízo que xa quedou visto para sentenza.