Detido o presunto autor dunha agresión sexual a bordo dun autobús de liña en Begonte
A colaboración dos pasaxeiros e a análise das imaxes das cámaras de seguridade permitiron localizalo en Lugo
Garda Civil
A Garda Civil detivo un home por agredir sexualmente unha muller nun autobús de liña regular que realizaba o traxecto entre Viveiro e A Coruña. Os feitos tiveron lugar cando o vehículo circulaba á altura de Baamonde (Lugo). Nese momento, o agora detido sentouse xunto á vítima, cubriulle as pernas cun suadoiro e comezou a tocala sen o seu consentimento. A vítima alertou inmediatamente do sucedido, o cal provocou que o agresor abandonase precipitadamente o autobús na parada de Baamonde e fuxise do lugar.
Tras a denuncia presentada pola vítima, iniciouse unha investigación para o esclarecemento dos feitos. Grazas á colaboración dos pasaxeiros e do condutor do autobús que presenciaron a agresión, xunto co testemuño da vítima, puidose obter unha descrición física moi precisa do sospeitoso.
Despios de analizar as imaxes das cámaras de videovixilancia das estacións nas que o autobús efectuou parada, os investigadores lograron localizar o presunto autor na estación de autobús de Lugo. O sospeitoso, que contaba con antecedentes policiais recentes por feitos semellantes, estaba aloxado nun hostal de Lugo.
A Garda Civil de Vilalba fíxose cargo da investigación. O detido e as dilixencias policiais foron postas ao dispor xudicial.