Rescatan dous superviventes tras nove días sepultados no Nepal
Estaban atrapados nun túnel a 25 metros de profundidade
Os equipos de rescate cren que pode haber máis persoas vivas no mesmo lugar
A cabalo dun dos seus rescatadores e aínda con forzas para saudar, Sanjay volvía ver o ceo nove días despois. Acababa de saír dun túnel sepultado baixo 25 metros de lodo e rochas. Ten 32 anos e está practicamente ileso. Tamén saíu vivo, aínda que en estado crítico, Kabir. Chegar a eles non foi doado: houbo que abrirse paso entre unha masa compacta de barro e penedos do tamaño dun coche.
Os dous traballaban na central hidroléctrica de Trishuli cando a riada lles pasou por riba: hoxe viven para contalo.
"Eu traballaba na sala de control, alí había 40 ou 45 persoas. Tentei axudalos a saíren e ao final acabei eu atrapado.", relata Sanjay. Contou tamén que neste tempo se comunicou a berros con outras tres ou catro persoas tamén sepultadas.
Os equipos de rescate cren que pode haber outras 40 persoas dentro dese túnel.
Ante as dificultades para chegar ao interior, están bombeando aire coa esperanza de manter alguén con vida.
Pero de momento, ademais dos dous superviventes, só lograron sacar un cadáver.
O panorama tras a inundación do 26 de agosto segue sendo desolador. Xa son case 1.300 os mortos no Nepal e no Tíbet, con case 5.000 desaparecidos.