A Fiscalía apoia que a Audiencia Nacional investigue a entrada masiva a Ceuta
O Ministerio Público apunta indicios de posibles delitos de favorecemento da inmigración irregular, homicidio por imprudencia grave e organización criminal
A Garda Civil entrega o informe solicitado pola Audiencia Nacional
A chegada de migrantes foi os días 30 e 31 de xullo. Reuters.
A Fiscalía presentou un informe á xuíza María Tardón no que sostén que a Audiencia Nacional é competente para investigar a entrada masiva de persoas migrantes a Ceuta os pasados 30 e 31 de xullo.
Nesta crise, na que morreron ao redor de 140 persoas, a Fiscalía da Audiencia Nacional apunta aos indicios de posibles delitos de favorecemento da inmigración irregular, homicidio e lesións por imprudencia grave e organización ou grupo criminal.
Nun comunicado, sinala que a instrución deberá determinar se os feitos tamén inclúen "delitos que afecten a orde pública ou a bens xurídicos de natureza colectiva, como a paz ou independencia do Estado".
Así mesmo, o Ministerio Fiscal considera que, segundo os indicios obrantes, "unha parte substancial da fase de planificación, mobilización, coordinación loxística, difusión dixital e eventual dirección estratéxica desenvolveríase en territorio marroquí, mentres que a execución material da acción, o resultado perseguido e os efectos máis relevantes producíronse en territorio español".
A Fiscalía considera que os feitos investigados serían constitutivos de delitos "cuxa investigación corresponde a órganos con capacidade para afrontar fenómenos criminais complexos e organizados". Pide á maxistrada que pola concorrencia de "razóns excepcionais" declare o segredo parcial das actuacións.
A xuíza da Audiencia Nacional María Tardón xa ten encima da mesa o informe da Fiscalía e tamén o que pediu á Policía Nacional e á Garda Civil, co que agora deberá decidir se abre unha causa para investigar o sucedido en Ceuta.
A Garda Civil entrega o informe solicitado pola Audiencia Nacional
A Xefatura do Servizo de Información da Garda Civil entregou este venres á xuíza da Audiencia Nacional María Tardón o informe que lles solicitou sobre a entrada masiva de migrantes en Ceuta desde Marrocos os días 30 e 31 de xullo.
Concretamente, a maxistrada nunha providencia de principios de agosto, solicitou á Garda Civil un informe sobre a súa actuación neste episodio e que lle detallase se recibiu algunha información en días previos que puidese alertar sobre o que ía ocorrer.
O martes pasado a Policía Nacional entregou o seu, un informe de 55 páxinas nos axentes do Centro Nacional de Inmigración e Fronteiras describen o o ocorrido como unha entrada masiva de persoas "planificada", en ningún caso "espontánea".
O informe policial achegado sitúa entre os seus organizadores e executores a persoas vinculadas ás forzas de seguridade de Marrocos e conclúe que a finalidade da entrada de decenas de miles de persoas non era migratoria, como demostra que só o 10 % intentase quedar.