As extraballadoras que denunciaron a Julio Iglesias por agresión sexual presentan unha querela na Audiencia Nacional
As extraballadoras que denunciaron a Julio Iglesias por agresión sexual presentan unha querela na Audiencia Nacional
O avogado do cantante di que non ten "noticia formal" da querela e lembra que xa se declarou a falta de xurisdición española
Arquivo. Europa Press
As dúas extraballadoras que acusaron o cantante Julio Iglesias de presuntas agresións sexuais e abusos laborais presentaron este xoves unha querela ante a Audiencia Nacional, segundo informou a organización Women's Link, que as acompaña xuridicamente.
As querelantes, ás que atribúen os nomes ficticios de Rebeca e Laura para que non sexan identificadas, solicitan aos tribunais españois que investiguen os presuntos feitos de explotación laboral e violencia sexual que, segundo din, ocorreron en 2021 nas propiedades que o artista posúe nas Bahamas e na República Dominicana.
Así, desde Women's Link aseguran que o cantante puido aproveitar a súa "posición de poder" e a situación de vulnerabilidade das traballadoras para "captalas, trasladalas e aloxalas" nas súas residencias baixo un clima de "intimidación constante", someténdoas supostamente a agresións sexuais continuas e a condicións laborais "forzadas e degradantes".
Pola súa banda, o avogado do artista, José Antonio Choclán, asegurou que non teñen "noticia formal" de que se presentase a querela. "En todo caso xa se declarou a falta da xurisdición española. Non podemos dicir moito máis", concluíu.
Precisamente, esta querela chega despois de que as extraballadoras presentasen as dilixencias previas na Fiscalía da Audiencia Nacional, dentro das cales se lles concedeu a ambas as mulleres a condición de testemuñas protexidas durante as actuacións iniciadas a principios de ano.
En xaneiro a Fiscalía acordou arquivar as dilixencias ante a "falta de competencia" do tribunal para coñecer os feitos que puideron ocorrer no Caribe.
O Ministerio Público tomaba esta decisión destacando a "falta de xurisdición dos tribunais españois e, polo tanto, a falta de competencia da Fiscalía da Audiencia Nacional para coñecer da investigación preprocesual dos feitos denunciados".
As dúas antigas traballadoras, unha empregada do fogar e unha fisioterapeuta, aseguraron sufrir tocamentos, insultos e humillacións durante a súa xornada laboral nun ambiente de control e acoso continuo, segundo unha investigación realizada por 'elDiario.es' en colaboración con Univisión Noticias.
Unha destas empregadas sostiña que fora presionada para manter encontros sexuais co artista e falou de penetracións, labazadas e vexacións físicas e verbais. Estes feitos, segundo dúas das entrevistadas, ocorreron en 2021 cando a máis nova delas tiña 22 anos.
Así se desprende da investigación realizada durante tres anos, nos que se contactou con 15 antigas empregadas do servizo entre as que se inclúe persoal doméstico e outras profesionais especializadas que traballaron para o cantante entre os anos 1990 e 2023 nas propiedades da República Dominicana, Bahamas e España.
A organización que representa as denunciantes sostén que os tribunais españois teñen xurisdición en virtude do artigo 23 da Lei Orgánica do Poder Xudicial, que habilita a investigar delitos cometidos no estranxeiro por cidadáns españois cando concorren os requisitos legais, así como en cumprimento dos tratados internacionais ratificados por España sobre dereitos humanos.
De feito, a directora executiva de Women's Link, Jovana Ríos Cisnero, subliñou que "o Estado español ten a obriga de garantir o acceso á xustiza en igualdade e sen importar quen sexa a persoa denunciada", instando o sistema xudicial a investigar os indicios achegados.