Julio Iglesias demanda a Yolanda Díaz por intromisión no honor e reclámalle 50.000 euros
As declaracións da vicepresidenta foron tras a denuncia de dúas exempregadas por delitos de abuso sexual e que foi arquivada por falta de xurisdición e competencia
Na demanda, Iglesias pídelle a Díaz que recoñeza que son "unha intromisión ilexítima no dereito á honra" e que se retracte publicamente
O cantante Julio Iglesias presentou no Tribunal Supremo unha demanda por "intromisión ilexítima no dereito á honra e á intimidade persoal" contra a vicepresidenta segunda, a ferrolá Yolanda Díaz, por unhas manifestacións públicas sobre el, e solicitou que o indemnice con 50.000 euros por dano moral.
Os avogados do cantante continúan así a súa batalla legal contra a vicepresidenta segunda por unhas declaracións realizadas por mor da denuncia de dúas exempregadas contra Iglesias. Na súa demanda, á que tivo acceso EFE, reclama que Yolanda Díaz recoñeza que as súas manifestacións constitúen "unha intromisión ilexítima no dereito á honra" de Iglesias, e que se retracte publicamente, alén de pagarlle a citada indemnización e as costas do proceso.
En paralelo, o cantante presentou nos xulgados de Madrid unha querela por inxurias, calumnias e un delito contra a integridade moral contra varios xornalistas de eldiario.es, medio que revelou a existencia da denuncia contra Iglesias.
Julio Iglesias foi denunciado por dúas das súas exempregadas polos delitos de trata de seres humanos co fin de imposición de traballo forzado e servidume, agresión sexual, lesións e delito contra os dereitos dos traballadores, aínda que a Fiscalía acabou arquivando a denuncia por falta de xurisdición e competencia dos tribunais españois.
"Arrepiantes testemuños das extraballadoras de Julio Iglesias. Abusos sexuais e unha situación de escravitude cunha estrutura de poder baseada na agresión permanente. Grazas ás mulleres valentes e ás xornalistas de @eldiario.es por denuncialo", escribiu en Bluesky a vicepresidenta tras trascender a denuncia.
Para o cantante, Yolanda Díaz, "alto cargo público do Estado, emitiu á opinión pública (...) claros prexuízos de culpabilidade contra, tales como que na súa casa se cometían abusos sexuais, os traballadores atopábanse en réxime de escravitude e vulnerábanse sistematicamente os dereitos fundamentais dos mesmos".
Tras unha demanda de conciliación en que Yolanda Díaz rexeitou retractarse das súas palabras, ao non recoñecer que supuxesen un dano reputacional nin da honra de Julio Iglesias, o cantante acudiu agora ao Supremo pola vía civil.