Prisión para dous pontevedreses que traficaban con cocaína entre Galicia e Portugal
Baixo os asentos da súa furgoneta levaban 50 paquetes con 50 quilos de cocaína, que no mercado xerarían un beneficio próximo aos 1,8 millóns de euros
Imaxe de arquivo da Audiencia Provincial de Pontevedra
A Audiencia de Pontevedra condenou a oito anos e sete anos e medio de cárcere, respectivamente, a dous homes que traficaban regularmente con cocaína entre Galicia e Portugal.
O tribunal considéraos coautores dun delito contra a saúde pública na súa modalidade de tráfico de substancias que causan grave dano á saúde.
Ademais da pena de prisión, os maxistrados impuxéronlles unha multa de catro millóns de euros a cada un.
A sentenza considera probado que ambos, de maneira coordinada, utilizaron distintos vehículos para realizar transportes de droga.
Un deles conducía o coche lanzadeira que alertaba sobre a presenza policial.
As xuízas da sección cuarta da Audiencia de Pontevedra relatan que, polo menos entre xuño de 2023 e xuño de 2024, transportaron de maneira regular a cocaína por estrada.
Fixérono entre os seus domicilios e distintos lugares do territorio nacional e de Portugal coa finalidade, segundo as maxistradas, de distribuíla a terceiras persoas.
En concreto, foron sorprendidos por axentes de Vixilancia Aduaneira na peaxe da AP-9 en Vilaboa despois de recoller unha partida de cocaína, nun lugar non determinado de Portugal.
Na súa furgoneta, nun compartimento oculto baixo os asentos do piloto e copiloto, levaban 50 paquetes con 50 quilos de cocaína que, no mercado, xerarían un beneficio próximo aos 1,8 millóns de euros.
Durante o xuízo, un dos encausados recoñeceu a súa participación nos feitos.
O outro negou a súa implicación, pero a súa coartada foi considerada "pouco crible" polo tribunal.
A sentenza non é firme e pode ser recorrida ante a Sala do Civil e Penal do TSXG.