Publicador de contidos

Publicador de contidos

A Garda Civil desartella un punto de venda de drogas no concello de Rois

A Garda Civil desartella un punto de venda de drogas no concello de Rois

No operativo detiveron dous homes por un delito contra a saúde pública e outro de tenencia ilícita de armas

A Benemérita agradece a colaboración cidadá que achegou datos importantes para a investigación

G24.gal 24/05/2026 10:42 Última actualización 24/05/2026 11:09

A Garda Civil do posto principal de Boiro desartellou un punto de venda de estupefacientes e detivo dous homes como supostos autores dun delito contra a saúde pública na fase de explotación da operación Kaut.

Tutelada desde o seu inicio polo Tribunal de Instancia e Instrución nº 1 de Padrón, iniciouse por mor das actuacións realizadas durante a operación Patineta, ao detectar a existencia doutro grupo que distribuía varios tipos de droga nas localidades de Noia, Outes e Muros.

Como froito do traballo de campo realizado, averiguaron que dous veciños de Rois se desprazaban acotío nun vehículo para a distribución destas substancias por toda a comarca de xeito ambulante, tentando dificultar o labor policial e o control das súas actividades.

Detención e rexistro

Tras coñecer a súa identidade e obter numerosos indicios da súa suposta actividade ilícita, a Garda Civil procedeu á detención de ambos os dous como presuntos autores dun delito contra a saúde pública.

Nun posterior rexistro domiciliario toparon 227 doses individuais de heroína preparadas para a venda, 4.000 de marihuana e dúas armas curtas de fogo, unha delas con munición.

Tras o achado, a Garda Civil imputoulles un segundo delito de tenencia ilícita de armas e incautouse dos efectos atopados. O corpo agradece a colaboración cidadá que, segundo explica nun comunicado, achegou datos importantes para a investigación.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar