Desarticulan un grupo itinerante de roubos con violencia e furto de móbiles en festas por toda Galicia
Desarticulan un grupo itinerante de roubos con violencia e furto de móbiles en festas por toda Galicia
Usaban elementos de caracterización e disfraces para pasar desapercibidos entre a multitude
Levaban dous anos actuando en Galicia, para vender os móbiles no norte de África e usar os datos
Con estas detencións o roubo de teléfonos caeu nun 87% no Entroido de Ourense, de medio cento a media ducia
Desprazábanse por tempadas desde os seus países de orixe ata a provincia da Coruña, onde dispoñían de varios inmobles utilizados como base loxística
A Garda Civil e a Policía Nacional desarticularon un grupo criminal de carácter itinerante especializado no roubo con violencia e o furto de dispositivos móbiles en eventos multitudinarios e celebracións populares en Galicia. Segundo informou este venres a Garda Civil, ata o momento foron detidos dous homes considerados os líderes da estrutura delituosa, a quen se lles imputa supostos delitos de roubo con violencia, furto, danos informáticos, descubrimento de segredos e pertenza a grupo criminal.
"Eran os 'groupies' das festas patronais, nas que máis aglomeracións había. Estamos falando do Arde Lucus, do San Froilán, do albariño de Cambados, do Entroido de Ourense, ...", enumera Alberto González, Sarxento do Equipo contra a Ciberdelincuencia da Garda Civil da Coruña
Viaxaban a propósito dende o norte de África, con escala en Francia, aloxábanse en pisos alugados na Coruña e, dende aí, a bailar.
"Ían ás festas nas que había tal aglomeración de xente que a súa actividade delictiva pase desapercibida e buscan o seu obxectivo", engade Gonzaléz
O obxectivo, móbiles de Apple, e as vítimas, cun perfil definido.
"O 97% das vítimas son mulleres. Era un perfil moi marcado porque se tiñan qu eusar a violencia, sería unha violencia non excesiva", salienta o sarxento que dirixiu a investigación.
No Entroido de Ourense do ano pasado, 'puxéronse as botas'. Houbo medio cento de denuncias. Este ano detiveron o primeiro membro do grupo xusto antes de que comezaran os festexos, e os roubos caeron nun 87%. Houbo como media ducia. O segundo caeu hai uns días. Viña facer o agosto na Semana Santa. Sempre actuaban igual.
"Levaban o dispositivo ao maleteiro e volvían á festa para seguir coa actividade criminal. Eses teléfonos despois traíanos ao piso franco que tiñan na Coruña para desbloquealos", apunta Alberto González
Unha vez desbloqueados, os móbiles facían o camiño de regreso, outra vez para Marrocos e Alxería para vendelos, e investigan se para algo máis.
"Que che poidan roubar a rede social para pedirche cartos por ela, ou usala para vender productos ilegais ou servizos ilegais, que é moi habitual. E se falamos de redes sociais, tamén podemos falar de contrasinais de contas bancarias. Hoxe ten máis valor a información que se obtén deses terminais", advirte o sarxento do equipo contra a Ciberdelincuencia da Garda Civil da Coruña.
Precisamente, dende hoxe aumentan as penas por roubar teléfonos móbiles, que poden ir ata os tres anos de cárcere. Calcúlase que este grupo roubou nestes dous anos máis de 200, cun valor que supera os 200.000 euros.
A operación, denominada Galaxia Aimalum iniciouse en xuño de 2024, tras constatarse un incremento significativo de roubos de dispositivos de telefonía móbil de alta gama durante diversas festividades locais. As investigacións foron levadas a cabo de forma coordinada polo Equipo contra a Ciberdelincuencia da Garda Civil da Coruña, o Posto Principal de Boiro e o Grupo V da Brigada Provincial de Policía Xudicial da Policía Nacional de Lugo.
A organización presentaba unha marcada itinerancia delituosa, pois se desprazaba por tempadas desde os seus países de orixe ata a provincia da Coruña, onde dispoñían de varios inmobles utilizados como base loxística. Desde estes domicilios, trasladábanse a distintos eventos festivos para subtraer os terminais mediante a distracción dos seus propietarios ou, en caso necesario, empregando violencia a través de agresións físicas ou tiróns.
Tras a subtracción dos dispositivos, o grupo aplicaba técnicas sofisticadas para eludir as medidas de seguridade, incluíndo o uso de software malicioso. Mediante enxeñería social, suplantaban ao servizo de soporte técnico do fabricante e enviaban ligazóns fraudulentas ás vítimas, logrando así obter as súas credenciais de acceso a servizos na nube.
Así conseguían desvincular a xeolocalización dos terminais, tomar o control total dos dispositivos e bloquear o acceso das vítimas á súa propia información privado. Un dos líderes foi detido na véspera o inicio do Entroido de 2026, mentres que o segundo foi interceptado á súa chegada a territorio nacional, coincidindo co inicio do dispositivo de seguridade de Semana Santa.
Ademais, realizáronse entradas e rexistros en dous inmobles situados na Coruña, nos que se interviñeron 12 dispositivos móbiles de alta gama previamente subtraídos, así como diversos elementos de caracterización e disfraces utilizados polos autores para pasar desapercibidos entre a multitude.
Aos investigados atribúenselles máis de 200 delitos cometidos entre xullo de 2023 e decembro de 2025 en máis de quince municipios galegos. A operación continúa aberta e non se descartan novas detencións.