Acepta oito anos de cadea por un roubo con violencia e detención ilegal en Carballo
A Fiscalía valorou que tivera o coidado de evitarlle danos físicos á vítima, o que contribuíu a que se baixara a pena de 13 a 8 anos
Cun simple "si" o procesado recoñecía os feitos polos que era investigado. A fiscalía acusábao de asaltar violentamente, canda outras tres persoas, unha vivenda da parroquia carballesa de Sofán. Ao propietario, un home de 75 anos, ameazárono con dispararlle, atárono e roubáronlle cartos e xoias.
"Recoñeceu os feitos e reparou incluso parte do dano causado. Isto supuxo na práctica unha rebaixa considerable da petición inicial que tiña o Ministerio Público", explica José Ramón Sierra, o avogado da defensa.
A Fiscalía pedía para el 13 anos de cadea. Porén, antes da vista oral, valorou que durante a execución dos feitos, tanto o investigado que sentou no banco dos acusados como as outras persoas que o acompañaban tiveran o coidado de evitarlle danos físicos á vítima. E destacou tamén que non consta que no asalto se empregase unha escopeta ou pistola. Todo isto influíu á hora de rebaixar a pena.
"Quedou en oito anos. Pero leva case un en cadea provisional e supoñemos que coas vantaxes que poida ter a nivel penitenciario podería optar, a medio prazo, a un terceiro grao", engade Sierra.
A sentenza foi declarada firme.