Condenados a 11 anos por agredir sexualmente unha muller con discapacidade en Betanzos
A vítima sufriu agresións sexuais nun piso tutelado entre os anos 2015 e 2021
Audiencia Provincial da Coruña (Arquivo)
A sección segunda da Audiencia Provincial da Coruña condenou a 11 anos e 9 meses e a 11 anos e 3 meses de prisión, respectivamente, a unha muller e un home por agredir sexualmente e de forma continuada a unha muller con discapacidade en Betanzos.
O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia deu a coñecer este mércores a sentenza, que ten data do 25 de marzo. Os feitos aos que se refire aconteceron nun piso tutelado de Betanzos entre os anos 2015 e 2021.
A vítima, cunha discapacidade recoñecida dun 65 %, durmía soa e outra compañeira do piso, cunha discapacidade similar, entraba no seu cuarto polas noites para agredila sexualmente. Ante a súa resistencia propináballe labazadas e puñadas, á vez que a ameazaba, polo que a situación se repetía.
En 2020, a procesada iniciou unha relación cun home, que se uniu a estas agresións sexuais polo menos ata xullo de 2021.
Delito continuado de agresión sexual
A Audiencia considéraos a ambos os culpables dun delito continuado de agresión sexual, polo que os condena a 11 anos e 9 meses e 11 anos e 3 meses de prisión, respectivamente.
O tribunal considera acreditado que os condenados actuaron aproveitando a situación de vulnerabilidade da vítima.
Ademais, indica no fallo que a declaración da vítima, asistida por unha psicóloga, é crible, á vez que destaca que foi corroborada por testemuños e probas preconstituidas.
A sentenza non é firme, xa que é recurrible en apelación ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.