Piden 15 anos para os condutores que provocaron o accidente en que morreu un médico lugués
Os dous condutores provocaron o sinistro cando conducían por un túnel da M-30 a máis de 170 km/hora
A carreira empezou cando un deles se molestou por un adiantamento e rematou cando un dos vehículos bateu contra o que conducía o médico lugués, que morreu co impacto
Ademáis da pena de prisión Fiscalía pide unha indemnización de 1,3 millóns de euros para a familia da vítima
Segunda xornada na Audiencia de Madrid do xuízo contra os dous condutores que provocaron o accidente do túnel da M-30 en que morreu un médico lugués o 25 de xullo de 2021.
Foron dous minutos e catro quilómetros dunha carreira desenfrenada, a máis de 170 km/h nun treito con límite de 70, que comezou despois de que un deles se molestara por un adiantamento.
Ao final, un dos condutores implicados bateu por detrás contra outro vehículo, no que viaxaba un médico lugués de 35 anos, que morreu a causa do brutal impacto.
"O tráfico que se ve nas imaxes, mostra que alguén ía morrer", manifestou o avogado dunha das acusacións.
Case cinco anos despois daquel accidente, os dous condutores que o provocaron enfrontan un xuízo con xurado no que poderían ser condenados a 15 anos de cárcere.
Esa é a pena que solicitan a Fiscalía e as acusación particulares polos delitos de homicidio, condución temeraria e lesións.
Unha das defensas estima que o accidente foi consecuencia dunha imprudencia grave polo que a pena deber ser menor.
"Unha das defensas. Non imos facer comentarios", comentou un dos avogados.
A outra defensa estima que o seu defendido non conducía de xeito temerario e que chegou a temer pola súa vida.
Ademais da pena de prisión, a Fiscalía solicita unha indemnización de 1,3 millóns de euros para a familia da vítima, que xa foi cuberta na súa maior parte polas aseguradoras dos dous vehículos.