Publicador de contidos

Publicador de contidos

A Audiencia da Coruña impón catro anos e medio de cadea a un avogado que estafou un cliente

A Audiencia da Coruña impón catro anos e medio de cadea a un avogado que estafou un cliente

O profesional reclamoulle á vítima un total de 34.650 euros alegando falsos gastos xudiciais, cantidades que nunca se aboaron ao proceso

O acusado deberá devolver ao cliente os 34.650 euros estafados e indemnizalo con 20.000 euros en concepto de dano moral

Fora condenado previamente por delitos similares, pero continuou asesorando o cliente durante a súa inhabilitación profesional

G24.gal 30/03/2026 18:43

A sección sexta da Audiencia Provincial da Coruña, con sede en Santiago de Compostela, condenou un avogado a catro anos e medio de cárcere por estafar un cliente, quen lle entregou diversas cantidades de diñeiro baixo a crenza de que eran necesarias para a tramitación de procedementos xudiciais relacionados coa legalización dunha propiedade familiar.

O tribunal, que o considera autor dun delito de estafa agravada, tamén o multa con 6.600 euros e inhabilítao para o exercicio da profesión durante o tempo da condena.

Ademais, imponlle outra multa de 10.800 euros por cometer un delito de quebrantamento de condena e absólveo dos delitos de apropiación indebida e deslealdade profesional.

O acusado deberá devolver ao cliente os 34.650 euros estafados e indemnizalo con 20.000 euros en concepto de dano moral.

A sala entende acreditado que o avogado, que levaba anos representando a familia en diversos procedementos, aproveitou "de forma reiterada” a súa “posición de confianza" e vulnerou os deberes deontolóxicos ao solicitar diñeiro ao seu cliente.

Segundo recolle a sentenza, entre 2010 e 2015, o profesional reclamoulle á vítima un total de 34.650 euros alegando falsos gastos xudiciais, cantidades que nunca se aboaron ao proceso, senón que pasaron a formar parte do seu patrimonio.

Ademais, os maxistrados destacan que, a pesar de que o avogado fora condenado previamente por delitos similares, continuou asesorando o cliente durante a súa inhabilitación profesional, o que constituíu un quebrantamento de condena.

A Audiencia subliña que tanto as declaracións da vítima como da súa esposa son cribles, mentres que entenden que a versión do acusado é "contraditoria" e "incompatible coa falta de constancia documental das entregas de diñeiro no seu despacho".

Con todo, a sentenza non é firme e pode ser recorrida en apelación ante o TSXG.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade