Publicador de contidos

Publicador de contidos

Detido o presidente dun club de rugby de Biscaia por non pagar 2,7 millóns en lotería premiada

Detido o presidente dun club de rugby de Biscaia por non pagar 2,7 millóns en lotería premiada

Presentáronse 130 denuncias contra el porque non pagou participacións premiadas da Lotería de Nadal repartidas polo club

Está investigado por un delito de estafa e administración desleal

EFE/Miguel Toña EFE/Miguel Toña
G24.gal 15/05/2026 16:10

A Ertzaintza detivo o presidente do equipo Arratiko Zekorrak Rugby Taldea, do municipio biscaíño de Igorre, tras recibir 130 denuncias por non pagar participacións premiadas da Lotería de Nadal repartidas polo club, por un importe que podería superar os 2,7 millóns de euros.

A detención do responsable do club deportivo, de 53 anos, produciuse esta tarde en Durango (Biscaia), e a Policía vasca impútalle un delito de estafa e administración desleal, segundo informou o Departamento de Seguridade do Goberno Vasco.

O presidente do club, que fora requirido previamente pola Ertzaintza para comparecer en dependencias policiais, será posto a disposición xudicial tras finalizar as dilixencias da Policía vasca.

Vendéranse dúascentas participacións do número 90.693, agraciado co terceiro premio da Lotería de Nadal

Os propietarios de máis de dous centenares de participacións do número 90.693, que resultou agraciado co terceiro premio da Lotería de Nadal, non puideron cobrar o seu importe.

O club de rugby, fundado en 1990 e que compite na segunda división da liga vasca, adquirira un total de 285 décimos dese número, e vendeu as participacións na súa maioría entre xogadores da entidade, veciños de Igorre e a outros clubs deportivos de Biscaia.

As persoas afectadas pola falta de pagamento agrupáronse a través de varias redes sociais e decidiron, como primeira medida, presentar unha denuncia ante a comisaría da Ertzaintza de Durango ou ben no xulgado de garda dese municipio biscaíño.

O grupo pretende que se investiguen os movementos da conta bancaria do club na que se ingresaron os 14,2 millóns do total do premio.

O detido pediu perdón, asegurando que se trataba dun "erro"

Pola súa banda, o presidente de Arratiko Zekorrak Rugby Taldea, Unai Zuluaga, pediu desculpas polo "erro" e asegurou que non se deron de conta ata principios de maio de que aínda quedaban máis de 220 papeletas por aboar (arredor de 2,3 millóns de euros) e xa non quedaba diñeiro.

Con todo, os afectados presentaron xa 130 denuncias e calcularon que aínda quedan por cobrar 286 participacións vendidas polo club de rugby, o que elevaría a cantidade debida a máis de 2,7 millóns de euros. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade