Desarticulada unha banda que cometía estafas bancarias suplantando a identidade das vítimas
A Garda Civil identificou 8 membros desta organización
A investigación arrincou tras a denuncia presentada por unha muller de Lugo a quen estafaron 25.000 euros
A Garda Civil identificou oito persoas en distintas localidades de España como supostas autoras de varios delitos de estafa no marco dun operativo policial iniciado por mor dunha denuncia en Lugo, onde unha persoa foi vítima dunha fraude bancaria cun prexuízo económico final de 25.000 euros.
Aos oito identificados atribúeselles a utilización de técnicas de smishing e vishing para a suplantación da identidade corporativa de bancos-. Segundo o instituto armado, a investigación comezou tras a denuncia presentada a principio de ano en Lugo, na que se alertaba dunha presunta fraude deste carácter.
A vítima recibiu unha mensaxe SMS que simulaba proceder da súa entidade bancaria e no que se lle informaba dunha suposta compra por importe de 5.000 euros. A mensaxe advertía de que, se non recoñecía a operación, debía contactar urxentemente cun numero de teléfono facilitado no propio texto.
"Alarmada polo importe, a vítima chamou ao número indicado, contestándolle un suposto operador, que se identificou como membro do departamento de seguridade informática da entidade bancaria, comunicándolle que debía actuar con dilixencia para anular o cargo e bloquear as súas contas", relata a Garda Civil.
Durante aproximadamente unha hora, os estafadores mantiveron a vítima ao teléfono e indicáronlle que accedese reiteradamente á súa aplicación de banca electrónica para, supostamente, "reverter a operación", segundo os axentes. De forma simultánea, enviáronlle códigos de verificación e indicáronlle como proceder, "conseguindo que autorizase operacións fraudulentas crendo que estaba a cancelar unha transferencia".
As xestións practicadas polos investigadores permitiron determinar que os autores realizaron operacións en distintos establecementos comerciais, o que supuxo un prexuízo económico á vítima de 25.000 euros totais.
Ante estes feitos, a Garda Civil lembra que as entidades bancarias non solicitan por teléfono nin mediante SMS as claves de acceso á banca electrónica nin os códigos de verificación dun só uso para autorizar operacións e recomenda contactar directamente coa entidade a través das canles oficiais. Ademais, insiste na importancia de denunciar as fraudes o máis axiña posible.